Melloran a rede de saneamento na rúa Rafael de Vega
Estes días deron comezo os traballos de mellora da rede de saneamento que a concellería de Medio Ambiente, dirixida por Miguel Fernández, está a levar a cabo na rúa Rafael de Vega.
A rexedora mantivo un encontro coa veciñanza da zona para explicarlles o alcance da intervención que sucede á recente humanización desta vía, e que tamén incluíu a renovación parcial dalgunhas das infraestruturas.
“Nese momento, as persoas que residen nos inmobles 7-9-11-13-15 nos trasladaron a existencia dun problema na confluencia da súa acometida coa rede de saneamento da zona e, como a solución que se acordou con eles se atopaba fóra do ámbito das obras que se estaban a realizar nese momento, concretouse definilas tecnicamente para poder abordalas de maneira independente de forma posterior”, aclarou Lara Méndez.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta de que na acometida dos referidos edificios existe un problema puntual na zona de conexión coa rede municipal.
“Deste xeito faise preciso dar continuidade ao tramo de colector renovado desde o último pozo, executando un treito duns 20 metros de tubaxe e creando un novo pozo de rexistro, para diminuír o volume de acumulación de graxas actual”, explicou o edil.
Con esta intervención, acordada coas persoas residentes, o Executivo de Lara Méndez pretende poñer fin a unha problemática que estas comunidades sufrían de forma crónica debido á cantidade de efluentes que estaban a verter nun mesmo pozo e á elevada profundidade na que se atopa a acometida.
A obra, que comezou estes días, suporá un investimento municipal de 10.072 euros e disporá dun prazo de execución de dous meses.