Melloran a rúa Rof Codina de Lugo con obras de saneamento, asfaltado e sinalización

LugoXa
O tenente alcalde e o edil de infraestruturas supervisaron os traballos xunto á veciñanza e a delegada de AUXILIA, avanzando nunha zona clave de Fontiñas
melloras-rúa-Rof-Codina-Lugo
19 Nov 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado do concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitou a rúa Rof Codina para manter un encontro con representantes da veciñanza e coa delegada de AUXILIA. Durante o percorrido, ambos os dous responsables municipais destacaron os avances nas obras que se están a executar neste punto de Fontiñas, unha das áreas máis poboadas da cidade. A intervención impulsada polo Concello abrangue un treito de 175 metros entre a Rolda das Fontiñas e a rúa Juan Antonio Moreno Fuentes.

Arroxo explicou que “os traballos que se están levando a cabo completan a renovación do saneamento e permiten avanzar no soterrado de servizos”. Detallou tamén que “a intervención poderá quedar rematada nun prazo dunha ou dúas semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen”. A presenza da delegada de AUXILIA permitiu comprobar de primeira man as melloras en materia de accesibilidade, un dos aspectos máis sinalados polos veciños.

Pola súa banda, Alexandre Penas lembrou que o proxecto inclúe o asfaltado da calzada e a futura sinalización horizontal, actuacións que lle darán continuidade á mellora integral da rúa. Subliñou ademais que esta intervención vén completar outras realizadas nos últimos meses, como o asfaltado dunha das zonas máis deterioradas da avenida de Fontiñas ou a apertura dun novo aparcadoiro na rúa Rof Carballo.

Con todo, a visita tamén serviu para escoitar as preocupacións dunha parte da veciñanza, que denuncia un uso indebido da nova beirarrúa finalizada a finais do verán. Algúns residentes aseguran que, desde a súa apertura, varios condutores —tanto particulares como vehículos de reparto— teñen comezado a empregar a rampa de accesibilidade como zona de carga e descarga.

“Dende que fixeron a beirarrúa, os coches particulares ou os camións soben pola rampla e aparcan enriba dela para acceder mellor. Iso impide que a xente poida camiñar por onde debe”, lamenta unha veciña, claramente molesta pola situación. Outro residente lembra que “antes había uns bolardos que impedían que os coches invadisen a zona. Agora non temos ningunha protección fronte aos comportamentos incívicos nin fronte aos riscos de atropelo”.

O malestar medra especialmente pola condición residencial da contorna, onde viven numerosas familias con nenos e onde se atopan unha gardería e un centro de día moi próximos ao novo tramo peonil. “É unha rúa moi transitada, non só por coches, senón tamén por camións e autobuses, e agora mesmo non hai nin control nin seguridade”, engaden.

⚙ Configurar cookies
0.074363946914673