Melloran as instalacións deportivas de Frigsa e As Pedreiras, en Lugo
A Concellería de Xuventude e Deportes de Lugo optimiza o funcionamento das piscinas de Frigsa e As Pedreiras con varias intervencións de carácter técnico nos sistemas hidráulicos e eléctricos destes complexos. “O obxectivo destas intervencións é modernizar as principais instalacións acuáticas municipais, que ademais rexistran unha importantísima actividade deportiva durante os sete días da semana, ao tempo que garantimos un funcionamento óptimo destes complexos reducindo así os riscos de incidencias en sistemas estratéxicos para súa operatividade”, sinalou o edil Jorge Bustos.
Deste xeito, o Goberno local renovou parte da rede de distribución enerxética do centro deportivo situado no parque da Milagrosa e acometeu varias melloras nos vestiarios encamiñadas a mellorar a comodidade das persoas usuarias. Pola súa banda, no complexo da zona sur, modernizouse o sistema de climatización do vaso e mellorouse o illamento e renovouse a pintou da zona do ximnasio, así como doutras dependencias do centro.
Nas últimas semanas, realizáronse pequenas actualizacións no Pavillón municipal, no Palomar, no polideportivo da Piringalla, nas Termas e nos campos da Cheda e As Gándaras e no campo de Galegos cun investimento superior aos 30.000 euros. “As piscinas de Frigsa e As Pedreiras son instalacións que albergan unha enorme actividade ao longo de todo o ano. Non debemos esquecer que, ademais do uso individual, alí desenvólvense programas municipais para todas as idades, adestranento de clubs, como o Portamiñá ou o Cidade de Lugo, e numerosas competicións, polo que requiren un mantemento exhaustivo e introducir actualizacións para que o sistema de funcionamento sexa o máis solvente posible para así evitar incidencias inesperadas”, apuntou Bustos.
As actuacións enmárcanse dentro do Plan Dinámico de Intervención posto en marcha para conservar e modernizar as instalacións deportivas. En total, a capital conta na actualidade con máis de medio cento de recintos municipais destinados á práctica deportiva e ao adestramento que o Concello cede gratuitamente ao tecido asociativo e sobre os que exerce unha supervisión continuada para garantir o seu bo estado.