Melloran as súas prestacións e funcionamento do Punto Limpo do Ceao

LugoXa
O Punto Limpo do Ceao ofrece unha imaxe renovada e mellores prestacións trala reforma realizada nas instalacións
Punto Limpo Ceao melloras
27 Mar 2023

O Punto Limpo do Ceao ofrece unha imaxe renovada e mellores prestacións trala reforma realizada nas instalacións. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o responsable de área, Miguel Fernández, visitaron as dependencias para coñecer de primeira man o estado no que quedou o recinto que dispón, así mesmo, de nova cartelería e indicadores para facilitar a súa localización.

A rexedora explicou que non só se mellorou a imaxe e as condicións da caseta na que se desenvolven labores de oficina - para o que se procedeu ao seu repintado exterior, acorde á liña actual - senón que tamén se substituíron e repararon as xanelas e persianas que non funcionaban, se impermeabilizou o tellado para evitar filtracións e se limparon e desatascaron as baixantes, alén de colocarse as placas de pedra que faltaban.

“Trátase de seguir avanzando na implantación do novo servizo, na incorporación do equipamento e a maquinaria, para que as melloras que contempla alcancen a todos os barrios e a todas as prestacións que se inclúen no contrato, modernizando os recursos dos que dispoñemos e adaptándoos ás necesidades reais que, nestes momentos, demanda a sociedade e dentro das que a reciclaxe é un aspecto vital para a conservación do planeta, para a reutilización dos recursos e para favorecer a economía circular moito máis respectuosa e consciente cos retos de sostibilidade que impón o cambio climático”, afirmou Lara Méndez.

Pola súa parte, o tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente indicou que, ao abeiro desta actuación, aproveitouse tamén para renovar 7 colectores de grandes dimensións, recubrir o almacén de residuos perigosos cunha chapa que evite a entrada e auga e repoñer a sinalización interior das zonas de depósito.

“Ademais cambiamos de localización a ‘machacadora” de residuos de madeira de forma que permita retirar o contedor cos restos con maior axilidade sen ter que botar man dun guindastre para baleiralo e doutouse ao Punto Limpo dunha biotritutradora eléctrica de poda, que contribuirá a diminuír considerablemente o volume deste tipo de materiais”, sinalu o concelleiro.

Fernández fixo fincapé, igualmente, na restitución do peche perimetral da parcela “onde se substituíu o enreixado actual por outro máis resistente para disuadir e evitar roubos, especialmente de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE’s) para o que tamén se subscribiu un convenio cun xestor existente neste Polígono, que nos permitirá desfacernos deste tipo de compoñentes a diario sen albergalos no recinto”, referiu o responsable de Medio Ambiente.

Antes de rematar, o tenente de acaldesa incidiu en que, alén de todas estas medidas, o Concello acondicionou a zona axardinada renovando as especies vexetais existentes “o que redunda na mellora estética das propias dependencias e da contorna na que se ubica”.

O Punto Limpo de Lugo ten un horario de apertura de luns a sábado (excepto festivos) desde as 09:00 ás 21:00 horas que foi ampliado para incrementar a súa versatilidade e funcionalidade entre a veciñanza.

0.18060803413391