Melloran o alumeado público nas rúas Salvador de Madariaga e Pintor Corredoira de Lugo
O tenente alcalde do Concello de Lugo deu conta dos traballos realizados nos últimos meses dentro do plan de renovación do alumeado público de Lugo. Arroxo explicou que seguen traballando en distintas zonas da cidade “para garantir un alumeado público eficiente enerxéticamente e que garanta que non haxa zonas escuras nas rúas". Actualmente, estase a traballar nas rúas Salvador de Madariaga e Pintor Corredoira, substituíndo as luminarias antigas por LEDs.
Arroxo lembrou que no ano 2023, a Tenencia de Alcaldía actuou en 82 rúas nas que se actualizaron as luminarias, instalando máis de 1291 puntos de luz LED. "Seguimos traballando en distintas zonas para avanzar nunha actualización importante que permite reducir a pegada de carbono de Lugo, colaborando desde o noso concello na loita contra o cambio climático", afirmou.
Dende a chegada ao Goberno de Lugo traballaron continuamente “na redución do gasto público ao tempo que a veciñanza de Lugo pode desfrutar dun alumeado eficiente". A Concellería de Infraestruturas investiu, nos últimos anos, máis de 3 millóns de euros na renovación do alumeado público. Os criterios utilizados son a recuperación das luminarias existentes adaptándoas ás novas tecnoloxías, reducir os residuos xerados e os custos de implantación e a renovación do resto de elementos que conforman a rede de alumeado, como caixas, condutores ou fusibles facendo así que diminúan as avarías e as molestias á veciñanza.