Melloran o camiño de acceso ao núcleo de Sandolfe, en Monterroso
O Goberno local do Concello de Monterroso investirá 24.143 euros na mellora do camiño de acceso ao núcleo de Sandolfe. Para poder acometer esta actuación vén de recibir unha subvención por importe de 18.107 euros da Xunta de Galicia, o 75 % do orzamento total, a través do Fondo de Compensación Ambiental.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, acompañado polos dous concelleiros do equipo de Goberno, achegouse ata Sandolfe para explicarlles aos veciños e veciñas en que van consistir as obras, que van ter unha duración aproximada dun mes. En concreto, vaise dotar ao camiño dunha capa de rodadura adecuada ao seu uso e á súa función e que evite a continua presenza de fochas que dificultan a circulación con seguridade.
Está previsto facer un pavimento novo a base de formigón e rozar, limpar e retirar os escombros e a limpeza e apertura de cunetas, así como dispor de sumidoiros de recollida de pluviais. O rexedor destaca a intervención nun camiño “que se atopaba nun estado moi deficiente” e cuxas obras van ser posibles grazas a esta orde de axudas do Fondo de Compensación Ambiental destinada a entidades locais de Galicia.