Melloran o camiño municipal no núcleo de Marzán en Monterroso

O Concello de Monterroso continúa a traballar na mellora das infraestruturas municipais coa renovación do camiño que dá acceso ao núcleo de Marzán, que se atopaba nun mal estado debido ao deterioro da vía.
O alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, supervisou onte o avance das obras, que se prevé que finalicen nos vindeiros días.
As melloras realizadas no camiño teñen como obxectivo dotar a vía dunha capa de rodadura adecuada, o que permitirá mellorar a seguridade viaria e eliminar as fochas que dificultaban a circulación. Este arranxo foi demandado por veciños da zona, que se vían afectados polas condicións da estrada.
O investimento desta actuación ascende a 24.145 euros, fondos que se financian a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2024. A mellora do camiño no núcleo de Marzán forma parte dun proxecto máis amplo de mellora de infraestruturas no municipio.
Ademais, o Concello de Monterroso ten previsto tamén o asfaltado da vía LU-P-3303, que conecta Montecalvo coa N-540 pasando por Sampaio. Esta actuación está a cargo da Deputación Provincial.
Con estas melloras, o Concello de Monterroso continúa traballando no impulso das infraestruturas locais, mellorando a calidade de vida dos seus veciños e promovendo a seguridade vial no municipio.