Melloran o firme nas rúas Nova e San Marcos, en Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo levará a cabo unha mellora do firme nas rúas Nova e San Marcos.
25 Abr 2024

O Concello de Lugo levará a cabo unha mellora do firme nas rúas Nova e San Marcos. O obxectivo desta intervención é garantir a seguridade do tránsito tanto dos vehículos como das e dos peóns. Os traballos consisten no arranxo dos danos existentes no pavimento e na sinalización dunha zona acotada ás persoas viandantes. A planificación dos arranxos contempla o nivelado da capa de rodadura con formigón rápido que será cuberto con planchas de ferro durante un periodo 48 horas para garantir o seu correcto fraguado.

Esta intervención ten un carácter provisional, xa que a medida que avance o proxecto Corazón Verde, unha vez eliminado o tráfico que agora asumen estas vías, colocaranse losetas de nova factura que substitúan ás afectadas. A mellora, que implica o corte temporal do tráfico en ambas rúas, está planificada para que se execute entre as 21.00 e as 01.00 horas, aproveintando así a redución do tráfico nesta franxa horaria e co obxectivo de causar as menores molestas posibles, tanto ao conxunto da cidadanía como aos sectores hostaleiro e comercial.

En primeiro lugar, executaranse as reparacións en Rúa Nova e, unha vez finalizada esta intervención, realizarase o arranxo do pavimento en San Marcos. Mentres se executen os labores na Rúa Nova, o acceso ao Centro Histórico realizarase por Montevideo e o tráfico de saída discorrerá por Bolaño Rivadeneira, San Marcos, Santo Domingo para abandonar finalmente a zona centro a través da rúa do Teatro, que funcionará durante este tempo só como saída.

Cambios na circulación

Unha vez comezados os labores en San Marcos, o itinerario de acceso ao Centro Histórico contará con acceso desde a rúa Teatro cara Santo Domingo e desde Montevideo cara a rúa Nova. Ademais, durante esta fase da intervención e para garantir o acceso aos garaxes, a rúa Bolaño de Rivadeneira será habilitada como vía de dobre sentido para dar saída e entrada aos garaxes destas rúas así como ao aparcadoiro da Praza de Ferrol.

A Policía local mobilizará varios operativos para regular o tráfico en ambas localizacións. En total estarán dedicados a este labor catro axentes en exclusiva. Así mesmo, esta intervención municipal completarase coa sinalización horizontal dunha zona para tránsito exclusivo de peóns de máis de dous metros de ancho en ambas rúas. O Concello recorda que, durante a execución do proxecto Corazón Verde e mentres convivan o transito peonil co tráfico rodado, é necesario que os e as transeúntes utilicen estas zonas para garantir a seguridade viaria.

0.13280010223389