Melloran uns 30 quilómetros das rutas fluviais periurbanas
O Concello de Lugo está a pór en valor os aproximadamente 30 quilómetros das cinco rutas periurbanas que discorren polas marxes do río Miño, co arranxo de todas as pasarelas de madeira, nas que ademais do cambio das infraestruturas se está a acometer a substitución da antiga malla de galiñeiro que cubría a madeira por outra plástica, de polietileno reciclable, máis segura para os usuarios e de menor impacto paisaxístico. En total, instalaranse uns 800 metros desta nova malla, que segundo o concelleiro de Transición ecolóxica, Miguel Fernández, “é máis resistente, segura para evitar accidentes e caídas, duradeira, resistente e o que é moi importante, respectuosa co medio ambiente e cun entorno privilexiado”. Ademais, o responsable da área de Transición Ecolóxica fixo fincapé en que “para o Concello de Lugo é clave a posta en valor destas rutas estratéxicas, de cara á favorecer a promoción do noso patrimonio natural ao tempo que se presta á cidadanía alternativas de ocio nuns sendeiros moi empregados para o sendeirismo, o ciclismo e incluso as rutas a cabalo”.
A previsión é que o acondicionamento destas cinco rutas estea rematada ao longo deste mes. De feito, se está á espera de botar saburra nalgúns destes sendeiros, para o que é necesario varias xornadas sen chuvia. Esto se debe a que nalgúns casos houbo que cambiar ou instalar tubos de drenaxe, que son cubertos coa saburra, e posteriormente coa pasarela de madeira, sobre ás que se grampa a malla plástica.
As rutas nas que se está a actuar na actualidade son: “As ribeiras altas, río arriba”, de máis de 10 quilómetros, e que une a ponte romana coa vella elevadora, en ámbalas marxes; “Miño aberto, río abaixo”, que percorre a mesma ponte, o Balneario, O Muíño e As Pedreiras, cunha lonxitude duns 2,7 quilómetros; a ruta do “vello Lugo agrario”, que ao longo duns 4,5 quilómetros chega ata Santa Eulalia de Bóveda; o sendeiro que vai do Miño a Chamoso, coñecida como o “paseo do Miño”, cunha distancia de 7,5 quilómetros, e a ruta de Ombreiro que vai ata estación depuradora, de case 5 quilómetros, cuxa actuación xa está rematada.
Precisamente esta última ruta é unha das que precisou unha maior intervención, xa que as súas pasarelas presentaban un estado moi deteriorado polas crecidas do río. Segundo explicou o concelleiro da área de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, “houbo que desmontar máis de 50 metros cadrados das pasarelas danadas desta ruta que é ademais unha das máis transitadas por sendeiristas, ciclistas e xinetes a cabalo; instalar tubos pasantes para a drenaxe deste sendeiro, e por último colocar novas pontes de madeira e malla plástica, actuando en treitos con pendentes moi pronunciadas, que nesta ruta supuxo a instalación de 435 metros cadrados, a metade da malla empregada no resto das rutas nas que intervimos”.
Miguel Fernández destaca que “un dos obxectivos do Executivo de Paula Alvarellos é o de ofrecer contornas atractivas á cidadanía, conservar e manter as zonas privilexiadas coas que contamos e facelas seguras para as e os usuarios. Esta foi unha das razóns que nos levou ao cambio de malla de galiñeiros pola plástica, porque ademais de ser dun material reciclable é máis seguro, porque non corta, ao tempo que evita caídas por ser antiescorregadizo”.
Ademais, o concelleiro de Transición Ecolóxica fala de importancia de “empregar materiais máis respectuosos co medio ambiente. Antes non había este tipo de malla, pero agora si e comprobamos que se está a instalar en parques naturais, paseos marítimos e accesos a praias, contornas fluviais, e tamén en sendeiros que transitan por Reservas da Biosfera, como é o caso de moitas das rutas do municipio de Lugo. Trátase dunha mellora importante que abordamos agora, en período estival, porque é preciso ter unha boa climatoloxía para afrontar este tipo de traballos. En calquera caso, cremos que é unha boa inversión a medio e longo prazo pola súa calidade, durabilidade e eficiencia”.