Mellorarán case catro quilómetros de vías rurais de Monterroso

A Xunta de Galicia investirá 149.600 euros na mellora de varios camiños rurais no municipio de Monterroso, dentro do Plan Camiña Rural 2025-2026 e do Plan Marco de mellora de camiños 2024-2025.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, xunto co alcalde, Eloy Pérez, visitou as zonas nas que se levan a cabo as actuacións, que suman preto de 3,8 quilómetros de vías de conexión entre diferentes núcleos das parroquias de Novelúa e Ligonde.
No marco do Plan Marco, as obras xa se executaron nun camiño de arredor de 1,6 quilómetros que parte do enlace coa N-640 en dirección a Areosa e que comunica cos lugares de Lentil e Lamarretorta, incluíndo tamén a mellora dun acceso a este último núcleo de 300 metros de lonxitude.
Pola súa banda, o Plan Camiña Rural céntrase na mellora doutros dous tramos: un vial de 1,5 quilómetros entre Lentil e Areosa, e outro de 380 metros en Lardeiros.
As intervencións inclúen a rehabilitación integral do firme, actuacións de drenaxe e melloras na sinalización horizontal e vertical, especialmente nos cruces e na intersección coa estrada N-640, co obxectivo de mellorar a seguridade e a conectividade das zonas rurais do municipio.