Melloraranse as parroquias de San Amaro, Castro e Conturiz a través do Plan Provincial Único

O Concello de Lugo, a través do seu Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, levará a cabo unha serie de melloras nas parroquias de San Amaro, Castro e Conturiz, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e optimizar o abastecemento de auga.
A intervención estrutúrase en dous grandes eixos de actuación: a renovación do firme en 12 tramos das vías rurais e a ampliación da rede de abastecemento de auga municipal.
O investimento total na mellora das infraestruturas será de 267.400 euros, distribuídos entre 130.348 euros para a renovación do firme e 137.052 euros para a ampliación da rede de abastecemento.
En relación á mellora das vías rurais, os traballos incluirán a limpeza de cunetas para mellorar a evacuación das augas pluviais, a renovación do firme con aglomerado en quente, a reparación dos bordes da calzada e a instalación de novos sumidoiros para evitar a acumulación de auga nas entradas das vivendas.
Ademais, a seguridade viaria será reforzada coa colocación de nova sinalización horizontal e vertical para facilitar a circulación e reducir os riscos na estrada.
Pola súa parte, a ampliación da rede de abastecemento de auga comprenderá a instalación de novas tubaxes, pozos e acometidas. Durante a execución das obras, garantirase o mantemento da rede existente para minimizar as molestias á veciñanza.
Estas actuacións contribuirán á mellora da calidade de vida dos veciños das parroquias beneficiadas, incrementando a seguridade e a accesibilidade, así como optimizando o servizo de abastecemento de auga.