Membros do PP únense para pedir o amaño da N-540

RibeiraSacraXa | LugoXa
Alcaldes, senadores e deputados no Parlamento recollen as demandas dos veciños, pedindo ao Goberno o arranxo urxente da N-540.
pp guntin estrada 5 40
17 Abr 2021

Os alcaldes dos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, Monterroso, Carballedo e Antas de Ulla, María José Gómez, Juan Serrano, Ramiro Moure, Manuel Varela, Rocío Seijas, Julio Yebra e Javier Varela, respectivamente; acompañados da presidenta provincial, Elena Candia; e do senadores por Lugo, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e o propio rexedor chantadino, así como da deputada autonómica, Raquel Arias; trasladan o seu apoio “rotundo” ás demandas dos veciños respecto do estado no que se atopa a N-540, que comunica Lugo con Ourense, e que xa chegaron tamén ao Defensor do Pobo de España.

Os populares, tal e como anunciaron no treito que atravesa o núcleo urbano guntinense, plantexarán o seu arranxo inmediato na Cámara Alta e no Parlamento de Galicia, a través de varias iniciativas que xa rexistraron con este fin. José Manuel Barreiro indicaba a pé de rúa que “o ministerio de Transportes non pode permanecer alleo á odisea á que se enfronta os centos de usuarios que cada día empregan esta estrada, chegando incluso a poñer en risco a súa seguridade polo mal estado que presenta”.

Esta vía, de titularidade estatal, ten no seu trazado numerosas fochancas, liñas desdebuxadas e un firme practicamente intransitable. Os populares urxen así á súa mellora porque “é a única opción dispoñible para ir dende Lugo a Ourense, xa que non existe autovía que comunique estas dúas cidades”, lembrou o senador lucense.

1 accidente cada 3 días

O risco da Nacional é tal que, dende o ano 2018, vense rexistrando un accidente de tráfico cada tres días. En total, máis de 430 sinistros producidos, en gran parte, polo seu mal firme. É, por este motivo, polo que dende o PP fan esta reclamación.

“En ocasións teñen que realizar manobras perigosas para evitar pinchazos ou que un cristal do seu vehículo rompa a causa da grava solta, chegando incluso a invadir o carril contrario. As posibilidades de accidente son elevadísimas”, insistiu a alcaldesa de Guntín.

Elena Candia, como máxima dirixente dos populares na provincia e deputada na Cámara do Hórreo, agarda “unha resposta áxil do Goberno”, xa que, sinala, “todos lembramos como cando gobernaba o PP en Madrid varios socialistas se concentraron nesta estrada para esixir responsabilidades e, agora, unha vez que chegaron á Moncloa, desas demandas nada de nada. Só se dedican a protexer a Sánchez”, lamenta.

“O certo é, subraia, que foi o Partido Popular o que prevía o investimento de 20 millóns de euros para esta nacional que soporta moito tráfico debido tamén aos vehículos pesados de cooperativas tan importantes como Aira ou Coren ou de empresas como ViniGalicia que, por mor da súa produción, o tráfico de camións é constante e diario”.

20 millóns do PP, 0 do PSOE

Estes 20 millóns que prevía o Executivo do PP desglosábanse do seguinte xeito: 6,6 para mellorar tres treitos, 6 para a conservación, 2 para seguridade viaria, 1,5 para bacheo de emerxencia e 4 millóns dos orzamentos de 2018. Ademais, incluíanse 2,5 millóns para o intercambiador da A-54 con esta nacional, en Guntín, pero que o Goberno de Sánchez eliminou das contas estatais, tal e como xa denunciaron os populares en diversas ocasións. A última foi nas emendas aos Orzamentos de 2021. Os deputados e senadores do PP pedían que se respectase esta partida consignada por Mariano Rajoy, pero os socialistas e Podemos votaron en contra.

0.17671799659729