Méndez chama á unión "na defensa da paz" no Día de Europa

LugoXa
A alcaldesa de Lugo presidiu os actos con motivo do Día de Europa para conmemorar o aniversario da Declaración de Schuman.
Día de Europa
10 Maio 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu onte o acto insitucional que completou as actividades da celebración do Día de Europa.

O Concello de Lugo conmemorou esta efeméride na que tamén participaron outros representantes da corporación municipal. A rexedora leu un manifesto no que expresou a necesidade de “reivindicar neste 2022, Ano Europeo da Xuventude, unha unión efectiva na defensa dos valores de paz, democracia, xustiza e igualdade que promove Europa”.

Neste senso, Lara Méndez lembrou que “hai 72 anos, tivo lugar a firma da Declaración Schuman,co propósito de fusionar intereses económicos e contribuír así, a mellorar o benestar social dos países membros, e a construción dunha Europa libre de guerras e máis unida ao redor de obxectivos comúns. Ese 9 de maio de 1950, naceu un gran proxecto de cooperación, hoxe conformado por 27 países que seguen a construír a súa integración de maneira dinámica, facendo fronte a permanentes retos de diversa orde”.

“Entre eles, a gran crise económica do 2008 ou as derivadas da pandemia da COVID-19, que aínda sufrimos, onde Europa foi capaz de reconducir as políticas de austeridade que tanta dor causaron hai 13 anos por políticas inversoras para a transformación social e económica das nacións que as conforman, que en Lugo coñecemos ben, porque comezamos xa a concretar novos proxectos de futuro cos fondos europeos NEXT Generation”, explicou.

A rexedora aproveitou a ocasión para condenar a “inxustificada guerra de Putin contra Ucraína, que pon en risco non só a todo un país e a vida dos ucraínos, senón a estabilidade, a paz e a seguridade europea e mundial”.

0.212975025177