Méndez comprométese coa veciñanza a interceder con Adif para mellorar o paso a nivel de Recimil
A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural, Miguel Fernández, mantivo un encontro con representantes veciñais de Recimil e Coeo para escoitar as súas reivindicacións, logo do accidente que tivo lugar a semana pasada nun dos pasos a nivel desta parroquia.
No transcurso da reunión, Méndez comprometeuse a falar cos máximos responsables do Adif no Goberno e incluso coa ministra de Transportes na procura dunha maior seguridade da vía do ferrocarril neste punto do termo municipal.
Segundo a veciñanza, unha das posibles solucións consiste no incremento da sinalización semafórica. De xeito que, de ser esta a medida máis acaída, a alcaldesa incidiu en que o Concello achegará se é preciso a financiación para instalala, sempre coa autorización e coa coordinación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias para conciliar os traballos co tráfico da vía.