Méndez defende a Lugo como pioneiro no deseño de políticas públicas sostibles

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores no III Encontro de Líderes Urbanos, que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos (Fycma) de Málaga, no marco do 14º Foro Greencities & S-Moving Forum 2023.
encontro lideres urbanos
21 Sep 2023

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este mércores no III Encontro de Líderes Urbanos, que se celebra no Pazo de Feiras e Congresos (Fycma) de Málaga, no marco do 14º Foro Greencities & S-Moving Forum 2023. Este encontro reuniu a unha trintena de alcaldes e alcaldesas para abordar os principais retos que marcarán a axenda da nova lexislatura en materia de xestión intelixente e conectada.

Neste senso, Méndez situou a Lugo como un municipio “pioneiro, á vangarda no deseño de políticas públicas coas que combater o cambio climático” e destacou a aposta do executivo que lidera “pola sustentabilidade como eixo transversal de toda a acción de goberno”. Así, explicou que “buscamos incentivar un novo modelo produtivo para o noso municipio baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sostible, verde e dixital que xere empregos estables de calidade e nos permita fixar poboación no rural”.

A rexedora puxo como exemplo a aposta decidida do goberno polo uso de técnicas e materiais respectuosos co medio ambiente na construción de equipamentos públicos. “En Lugo xa temos dous inmobles municipais construídos en madeira, un deles recoñecido a nivel internacional, baixo a certificación de Proxecto FSC; e un terceiro en camiño, o que nos converte nun concello referente no uso deste material, co que tamén impulsamos o sector forestal, cun peso moi elevado no noso territorio”.

Nesta liña, Méndez subliñou que esta aposta nace do proceso de transformación da cidade iniciado en 2015, cuxo obxectivo é “impulsar Lugo desde unha perspectiva urbana, social e económica”. “Este reto apópase xa consolidado gracias, entre outras cousas, á captación e uso intelixente das liñas de financiación europea, así como a posta en marcha da estratexia Lugo Transforma, un fondo pioneiro en Galicia e referente a nivel nacional, especialmente no ámbito local, co que estamos a impulsar a creación e implantación de pequenas e medianas empresas capaces de diversificar o tecido produtivo da cidade, apostando, así mesmo, pola innovación e a tecnoloxía como piares do crecemento sostible do municipio”, apuntou.

O III Encontro de Líderes Urbanos celebrouse no marco da edición 2023 dos foros Greencities, Intelixencia e Sustentabilidade Urbana, e S-Moving, Mobilidade Intelixente e Sostible, que acolle este mércores e xoves a cidade de Málaga, e que reunirá a máis de medio centenar de cidades e municipios de toda España para compartir as súas iniciativas e proxectos destacados no ámbito da xestión urbana e a mobilidade sostible, intelixente e conectada.

Estas actividades contan co respaldo da Rede Innpulso –da que forma parte o concello de Lugo, logo de ser distinguido ‘Cidade da Ciencia e da Innovación’ en 2022– e RECI (Rede Española de Cidades Intelixentes), referentes para o establecemento dunha axenda urbana común en materia de sustentabilidade e aplicación da tecnoloxía ao servizo da cidadanía.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.079540967941284