Méndez pide a Rueda que retome os "asuntos pendientes" de Feijóo con Lugo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pide ao novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un encontro persoal para abordar os desafíos que encara o municipio. Así, mediante unha carta, Lara Méndez, felicitou a Rueda polo seu nomeamento e instouno a retomar os asuntos que Núñez Feijóo “deixou pendientes na cidade”.
Na misiva, Méndez agarda que, esta nova etapa, sexa de “entendemento e sintonía” entre a administración autonómica e a local, porque, segundo explica a rexedora “Lugo ten aínda moitos retos que acadar para situarse ao nivel doutras grandes capitais galegas”.
“Son moitos os proxectos que o Executivo autonómico ten comprometidos dende hai anos cos lucenses e ten a seguridade de que desde o Concello só atoparás colaboración para avanzar neles”, afirmaba a rexedora na carta.
Méndez insistiu, ademáis, na necesidade de afrontar eses retos con firmeza e axilizalos todo o posible.
Lara Méndez sostén que o actual contexto socioeconómico derivado da pandemia impuxo aos territorios novas prioridades que obrigaron aos organismos públicos a reestruturar a súa xestión e a reaccionar con valentía política para empregar os recursos dos que dispoñemos e todo o noso potencial en trazar a senda do crecemento e xerar oportunidades. “Iso é o que estamos a facer dende o Concello, agardamos da Xunta unha resposta á altura”.
A rexedora aludiu, por último, a outros asuntos importantes, “como as infraestruturas que seguen sen materializarse, tanto as vinculadas á mobilidade como á cultura ou á educación, así como as relativas á proxección do noso patrimonio e ao fomento da industria ou da zona rural, de maneira que quedo á espera de que poidamos falar de todas elas nun próximo encontro persoal”, concluía o escrito.