Meneses visita o campo de voluntariado do Castro de Viladonga

LugoXa | TerraChaXa
A directora xeral de Xuventude compartiu a xornada cos descendentes de emigrantes galegos que participan nas actividades deste xacemento
campo-voluntariado-castro-de-viladonga
4 sep 2024

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou aos 18 mozos e mozas, descendentes de emigrantes galegos, que están colaborando nas tarefas de conservación e protección do xacemento do Castro de Viladonga, no marco da campaña O teu mellor verán que ten en marcha a Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa a través da cal, tal e como sinalou o Goberno galego promove a “importancia de coidar do noso patrimonio”.

Lara Meneses explicou que estas actividades dirixidas á mocidade galega, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro inclúen máis de 40 experiencias de voluntariado cun total de 695 prazas. As propostas nas que participan persoas de entre 18 e 30 anos, teñen por obxectivo “ofrecer novas alternativas de lecer saudable á mocidade desta franxa de idade”.

Neste caso, as actividades, realizadas en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, van en liña cos obxectivos da campaña Que siga contando a nosa historia coa que o Goberno galego procura concienciar a cidadanía sobre a importancia de conservar e preservar “un dos maiores tesouros que conforman a identidade cultural da nosa Comunidade”.

Os mozos que están actualmente participando no campo son 18 chegados do estranxeiro para colaborar, xunto co equipo de expertos que traballan no Castro de Viladonga, nas tarefas básicas de limpeza e consolidación das estruturas do xacemento.

Ademais, a través do museo, os voluntarios están a coñecer os traballos de arqueoloxía como son a catalogación dos materiais ou as tarefas de difusión que se desenvolven. As actividades complétanse con rutas de sendeirismo e excursións por diversos enclaves da Comunidade como Cabo Ortegal, a cidade de Lugo ou a de Santiago de Compostela, entre outros.

Programación ‘O teu mellor verán’

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude afondou na importancia de “promover actividades que fomenten, durante esta época de estío, a conciliación familiar e laboral”. Deste xeito, destacou que a Campaña de Verán da Xunta “está sendo un referente en todo o Estado polo alto nivel das súas actividades”. “Así é que Galicia se converteu en destino preferente, tanto para a mocidade galega como doutras comunidades ou do estranxeiro”, aseverou.

No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta.

0.19774389266968