Mensaxes en espazos públicos para animar á mocidade a respectar as medidas fronte á covid en Lugo
As escaleiras do fondo da Praza Maior de Lugo locen desde hoxe mensaxes que lembran a importancia e necesidade de respectar as medidas sanitarias para a prevención do contaxio e a propagación da covid. A área de Xuventude do Concello puxo en marcha esta campaña, ca colocación de vinilos nas escaleiras, na contorna do Círculo das Artes, por ser un punto de encontro diario de moitos mozos e mozas.
Trátase dunha campaña para incidir en seguir realizando todas as medidas de prevención da covid-19 que nos veñen indicando no último ano: uso da máscara e manter a distancia e ata saudarse co cóbado, con mensaxes alternativas, en sentido positivo e empregando un sentimento de proximidade, para o que se empregarán lemas como 'Outro saúdo, o mesmo significado', '2 metros de entendemento' e 'A túa mirada pode contar moito'.
Segundo a edil de Xuventude, Ana González Abelleira, "con estas frases reivindicamos o cumprimento das medidas sanitarias, unha tarefa que é labor de todos, tamén da xuventude, aínda que moitas e moitos mozos xa teñen claras ditas medidas de prevención e son totalmente responsables".
A área de Xuventude lanzará tamén un vídeo nas redes sociais, como xa fixera no Nadal, animando á mocidade a "actuar con responsabilidade nunha data tamén sinalada, como é a Semana Santa, na que a rapazada dispón de máis tempo libre para relacionarse en grupo". A filmación desta campaña, sustentarase tamén en apelar á responsabilidade persoal, especialmente naquelas accións individuais que cada un realiza na súa contorna máis próxima, como poden ser as amizades.