Mentes Maravillosas inaugura hoxe a Semana do Cine de Lugo
Hoxe luns, 19 de setembro, ás 18.00 terá lugar o descubrimento da placa que da nome ao Paseo do cine de Lugo, vía principal do Parque da Milagrosa, que vai desde a entrada, na Avda. da Coruña, cara ao Auditorio Gustavo Freire. Neste acto intervirá a
Concelleira de Cultura de Lugo e Vicepresidenta da Deputación Provincial, Maite Ferreiro.
No Paseo do Cine neste momento están representados con cadansúa placa de homenaxe, Antonio Mourelos, Prudencia Grifell, Luis Tosar, Carmen Correa, Luis Iglesia e Frak Braña persoeiros todos eles homenaxeados nas Semanas de Cine de Lugo.
A continuación tera lugar o descubrimento da placa de María Casares, intervindo o escritor Claudio Rodríguez Fer, que rematará a alocución coa lectura dun poema na honra da galega que se fixo imprescindible no teatro e no cine no seu exilio francés. Falará a continuación Siro López Lorenzo, autor da caricatura de María Casares que se reproduce na placa e en todas as publicacións da Semana, así como tamén da caricatura que se reproduce na placa de Margarita Ledo.
Finalmente descubrirase a placa na honra de Margarta Ledo Anadión, intervindo o Alcalde do seu concello natal, Castro de Rei, Francisco Javier Balado, e a continuación falará a homenaxeada.
A organización da Semana entregará a Siro un agasallo representativo desta celebración. E, despois de convidar aos presentes á proxección de Nación de Margarita Ledo, ás 20,00 h. na Deputación, e á inauguración oficial da Semana ás 22,00 h. no Auditorio Gustavo Freire, pechará o acto Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A inauguración oficial da Semana de Cine terá lugar ás 22.00 no Auditorio Gustavo Freire onde actuará o Grupo de Teatro Achádego e a Banda oficial da Semana de Cine, dirixida por Armando Morales. Seguidamente proxectarase a primeira película das presentadas no Ciclo Oficial da Semana: Mentes Maravillosas.