Mercenarios Galaicos celebra este Arde Lucus o seu décimo aniversario
Mercenarios Galaicos celebra este ano o seu décimo aniversario. Naceron no 2013 como un pequeno grupo de amigos que a raíz de saír de festa durante o Arde Lucus deciden crear unha asociación. Nun primeiro momento eran aproximadamente oito persoas e unha vez aberta a asociación creceron ata as 100, número que manteñen na actualidade.
Nos comezos o obxectivo desta asociación era dar a coñecer o Arde Lucus, “estabamos centrados en Rafael de Vega, que era onde tiñamos un local de hostalaría e queriamos levar o Arde Lucus fóra de murallas, esa foi a idea orixinal na que fracasamos estrepitosamente” informa Richard, membro de Mercenarios Galaicos. A partir de aí trasladáronse á praza Horta do Seminario e agora “estamos moi contentos porque a afluencia de xente é masiva e cada ano imos aumentando as actividades que facemos, que convocan a bastante xente”.
De xeito permanente todos os que visiten o campamento dos Mercenarios Galaicos na praza Horta do Seminario poderán ver como era a vida e os traballos no castro e tamén a exposición Panoplia Galaica.
Durante os días que os Mercenarios Galaicos estean na cidade amurallada ofrecerán un feixe de actividades, desde traballos coa madeira e con ferro na forxa ata un obradoiro de cociña galaica e outro de peiteado e pinturas de guerra.
Ademais o domingo pola mañá estará especialmente adicado aos máis pequenos con dous obradoiros infantís, o primeiro no que realizaran un exquisito pan de landras e o segundo onde aprenderán a realizar un colgante galaico.
Con motivo do décimo aniversario esta asociación leva todo ano traballando para conseguir facer un Arde Lucus “o dobre de ben que outros anos” e o sábado á noite levarán a cabo unha das actividades máis especiais, un sacrificio humano para “pregar aos deuses que nos axuden contra estes romanos que son moitos e están moi armados e hai que botar man do celestial”.
Centrados no décimo aniversario durante o último ano os Mercenarios Galaicos non viaxaron fóra da cidade amurallada como si fixeron outros anos, nos que realizaron saídas a Vigo, Cartagena e incluso Roma.
O domingo rematarán cun obradoiro de téxtil na época castrexa pero antes celebraranse as vodas, momento que a asociación considera moi especial porque “é para demostrarlle a alguén o cariño” e das que gardan moi bos recordos porque algún ano “houbo algunha voda que foi moi emotiva e lacrimóxena e para nós son recordos moi bonitos”.