Merelles destaca o impulso da Xunta á cátedra de Hidroloxía para o desenvolvemento do termalismo

LugoXa
A Xunta mantén unha alianza coa entidade académica para favorecer a formación científica neste eido
xornadas-termalismo-lugo-termas-romanas
12 Apr 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou o Balneario de Lugo no que se estaba a celebrar o último dos seminarios teórico-prácticos incluídos nas actividades da Cátedra de Hidroloxía Médica, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a súa visita, o director de Turismo de Galicia salientou a aposta da Xunta pola innovación, pola saúde e pola formación dos profesionais sobre todo no ámbito do termalismo para avanzar na difusión do termalismo nos tratamentos médicos. Neste sentido, valorou a relevancia da oferta termal da comunidade, un “elemento dinamizador clave para o desenvolvemento das zonas fóra dos ámbitos máis visitados”.

Xosé Merelles puxo en valor o seu “marcado compoñente desestacionalizador e diversificador da oferta turística” e destacou a súa relación coa Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que busca promover a comunidade como destino auténtico e singular.

Para isto, estanse a potenciar modalidades de turismo que poñen de relevo elementos identitarios da rexión, como é a súa rica oferta en augas mineromedicinais: Galicia conta con sete dos oito tipos destas augas que existen, e é a 1ª potencia termal de España -co 20% da oferta do país- e o 2º destino europeo con maiores reservas.

Durante o acto tamén se aproveitou para presentar un novo vídeo promocional da oferta turística termal da comunidade, da Asociación de Balnearios de Galicia, financiado por Turismo de Galicia.

Neste sentido, Xosé Merelles lembrou outras iniciativas da Xunta para poñer en valor este recurso, como son o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 -cun orzamento de máis de 10M€-, o Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia -cun investimento de 23,23M€- ou a creación da Área de Turismo Termal e do produto Galicia Spa Pligrimage.

0.11535811424255