Metais de transición

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
9 Jun 2022

Por Noelia Castro Yáñez

De tales carballos, tales estacas. Foi unha desas leccións da taberna, probablemente os meus artigos no único que consiga que se asemellen aos de Jabois sexa na ausencia de opinión e nisto tampouco teño unha base sólida que fundamente un discurso. Canto nos condiciona de onde vimos á hora de chegar a ser quenes somos? É decisiva a educación para forxar o carácter? Estamos predestinados pola casa na que nacemos? Xoga un papel crucial a predisposición xenética? Ata que punto somos o que se esperaba de nós?

Este é tema de debate a miúdo para a miña familia. B. é firme defensora do si como resposta a esas misivas, pero sempre hai quen lle leve a contra de xeito forte. Pola Academia teñen pasado xemelgos e mesmo mellizos. Persoas que compartiron entrañas e deduzo que educación e entorno, algúns tan diferentes que me custa crer que compartan algo máis ca sangue. Tiven un caso extremo, a nena era esperta, extrovertida, tomaba parte en todas as causas perdidas, reivindicativa e partícipe de cada conto nos cambios de clase. Sumamente educada e respetuosa para/con todos os que compartimos espazo con ela. E el, pola súa contra, pois era moi el. Teimudo, obstinado, todo lle cheiraba e nada estaba xamáis a gusto del. Eran coma a noite e o día, ela sempre vía o ceo aberto e el as portas pechadas con chave. Agora ela estuda para Mestra, e el segue a buscar o seu camiño neste mundo de ritmo acelerado mentras para en esquinas nas que non debera facer tratos ata co mesmo diaño. Coido que nese caso, crucial non foi a educación que recibiron ou polo menos, non escoitaron a mesma parte das riñas dunha nai preocupada que sempre os tratou por un igual.

M. acostuma a contestarnos contundente cada vez que un dos noviños da familia subimos o tono para dirixirnos a algún dos máis maiores: “Cala, ou quen te ergueu a ti dos pés de diante? Para el non hai dúbidas, somos o que somos, polos que estaban antes. Pero eu tamén penso nos que viñeron despois. Estas semanas Míriam e máis eu rematamos malladas e no canto de compartir versos, compartimos audios, queixándonos, queixándonos moito; porque poida que sexa das persoas que malia a distancia que nos separa, máis e mellor me entende cos problemas da Academia, pode que porque nos adicamos ao mesmo. Ou non, pode que se trate simplemente de saber escoitar. Enfrascada nun deses audios, díxome algo sobre o que quedei un anaco a pensar: “Como teño un grupo de adolescentes que son tan irresponsables, falei cos pais, e aí cercioreime da causa da irresponsabilidade.” Eu coido que si, que botamos raíces na casa, pero só para deixarnos voar. Penso que a eduación, o entorno, as amizades, as viaxes, os ligues, os primeiros bicos, e os segundos; a vida, nos vai moldeando, na medida que nos deixamos influir. Somos dúctiles e maleables, coma metais de transición, pero poida que a medida na que cambiamos ou na que nos cambian si que está condicionada polo forte ou feble dunha personalidade que nos axudaron a formar na casa.

Nunha realidade utópica, tamén somos o que lemos, e o que nos ensinaron na escola, a xente que atopamos no camiño e os bares nos que paramos os xoves na rúa do Franco. O Gadis di que tamén somos o que comemos, pero eu desprendo dozura sen probar o azucre, así que lles atopei contraexemplo para rebater os anuncios. Eu que sempre reneguei desa frase do avó que había que saber de que xente eran os meus amigos, agora sorpéndome preguntándolles aos meus alumnos “e ti de quen vés sendo?” Sen agarralos do papo, palabra. Así que supoño que o que somos agora, tampouco ten moito que ver co que imos a ser despois.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19303822517395