Michos de Lugo denuncia que acumulan once meses de atraso no pago do convenio municipal

LugoXa
A asociación alerta de que a falta de fondos do Concello obriga a suspender esterilizacións e reducir a atención veterinaria nas colonias felinas
Michos-de-Lugo
7 Oct 2025

A asociación Michos de Lugo fixo público o complicado momento que atravesa debido ao atraso de once meses no pago do convenio correspondente ao ano 2024 por parte do Concello.

A entidade, dedicada ao control e protección das colonias felinas a través do programa CER (Captura, Esterilización e Retorno), explicou que, malia que a xustificación económica xa foi aceptada, o Concello aínda non realizou o ingreso comprometido, o que levou á paralización do programa e á suspensión da atención veterinaria, salvo casos de urxencia.

Segundo indican desde Michos, ata xuño deste ano o proxecto puido manter a súa actividade grazas ás achegas propias, ás doazóns e ás pequenas subvencións da Xunta e do Ministerio, mais a falta de financiamento municipal fixo que a situación se volvese “insostible”. Entre as consecuencias directas, a asociación menciona a suspensión das esterilizacións, a redución dos servizos veterinarios, o endebedamento das persoas coidadoras, que asumen gastos urxentes cos seus propios medios, e o aumento da poboación felina en colonias que antes estaban controladas.

A entidade advirte de que, se o problema non se resolve axiña, poderían perderse futuras subvencións e mesmo estar en risco a continuidade do proxecto. “A pesar de meses de diálogo co Concello, seguimos sen resposta efectiva”, sinalan desde Michos, que aseguran sentirse na obriga de facer pública a situación por responsabilidade cara ás persoas socias, voluntarias e coidadoras de colonias.

Nun momento que cualifican de “moi difícil”, a asociación quixo agradecer o apoio e a comprensión das clínicas veterinarias e das persoas coidadoras, “cuxo esforzo e amor polos animais está a soster o insostible”.

⚙ Configurar cookies
0.089226961135864