Michos de Lugo pide axuda urxente ante a grave situación sanitaria dos seus gatos

LugoXa
A entidade vese obrigada a suspender novas esterilizacións e adopcións, xa que agora a prioridade absoluta é salvar a vida dos animais enfermos que precisan atención inmediata
Michos-Lugo
16 Jun 2025

A protectora Michos de Lugo atópase nunha situación de máxima emerxencia ao verse desbordada polos numerosos casos veterinarios que se lle presentaron nas últimas semanas. A entidade, que traballa a diario no coidado e protección de varias colonias de gatos en situación de rúa, vese obrigada a suspender temporalmente novas esterilizacións e adopcións, xa que agora a prioridade absoluta é salvar a vida dos animais enfermos que precisan atención inmediata.

Entre os casos máis críticos está o de Amarilli, inicialmente diagnosticada cunha intoxicación pero que finalmente padecía un tumor hepático. A pesar da atención recibida, a protectora tivo que despedirse dela despois de varios días de loita. Frida, con problemas dentais severos, precisa unha exodoncia urxente e segue en recuperación. Os pequenos Nalitos, unha camada que agarda por adopción, sofren problemas oculares e están en tratamento. O gato Anubis, con antecedentes de epilepsia, presenta debilidade e dificultades para alimentarse, polo que foi sometido a varias probas médicas.

Outros casos preocupantes son Filippo, en proceso de recuperación tras padecer parasitos pulmonares; Bingo, ingresado por panleucopenia, un virus altamente agresivo; e Juanito, que loita contra unha insuficiencia renal e precisou este mesmo día unha transfusión de sangue. O caso de Oreo, portador de leucemia e inmunodeficiencia felina, require estabilización antes de someterse a unha posible intervención por xenxivite severa. A última en chegar, Bambi, presenta un absceso grave nun ollo, e aínda non se sabe se poderá conservalo, estando o seu estado tamén en risco.

A protectora denuncia que a falta de recursos económicos e materiais está a impedir a ampliación das súas actuacións e mesmo compromete a vida dos animais aos que atende. Por iso, fan un chamamento urxente á solidariedade da cidadanía, pedindo axuda económica, voluntariado ou doazóns de materiais veterinarios.

Desde Michos de Lugo lembran que sen o apoio da comunidade, moitos destes gatos non conseguirán saír adiante. A protectora continúa co seu labor en colonias e atención diaria aos animais enfermos, pero agora máis ca nunca necesitan da axuda de todos.

⚙ Configurar cookies
0.17387413978577