Miguel Fernández denuncia que o aparcadoiro da Avenida Breogán "presenta un estado deficiente"

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou o aparcadoiro da Avenida de Breogán para comprobar o seu estado actual e instar á Xunta de Galicia a subsanar as numerosas deficiencias detectadas na obra, requisito imprescindible para que o Concello poida recepcionala e poñela ao servizo da veciñanza.
Segundo os informes municipais emitidos ao longo do último ano, a infraestrutura presenta un estado deficiente, especialmente nas zonas verdes e nos elementos de conservación, que non cumpren cos estándares mínimos exixidos polos servizos técnicos. Entre as carencias máis destacadas figuran a ausencia de céspede, pedras e malas herbas nos parterres, a falta dun sistema de rega e a insuficiente limpeza e adecuación dos espazos.
Fernández advertiu que “queremos recepcionar o aparcadoiro, pero non imos facelo mentres non se atope en condicións dignas e seguras; a Xunta debe corrixir o que fixo mal. Non é responsabilidade do Concello arranxar unha obra executada por outra administración nin asumir un mantemento que sería moito máis custoso pola súa mala execución”. O rexedor lembrou que o Goberno local leva meses solicitando á Xunta que actúe “con responsabilidade e dilixencia” para permitir a posta en servizo dunha infraestrutura necesaria para o barrio e para a cidade.
Os informes tamén recollen problemas de drenaxe, pendentes excesivas nos taludes, pavimentos filtrantes cubertos de malas herbas, medianas centrais deterioradas e dificultades de acceso ás canles de recollida de augas pluviais, o que complicará a limpeza e mantemento. A actuación carece dun sistema de rega automático, o que impide garantir unha conservación mínima, sobre todo nos meses de verán.
Ademais, o proxecto orixinal contemplaba zonas de carga para vehículos eléctricos e cámaras de videovixilancia que aínda non están instaladas. Fernández solicitou á Xunta que aclare a situación destes elementos e cando prevé completar a obra segundo o plan inicial.
O rexedor destacou que se trata dunha infraestrutura moi necesaria para a zona, pechada desde hai máis dun ano pola falta de corrección das deficiencias, o que afecta á mobilidade e ao día a día do barrio. “O que queremos é que entre en funcionamento canto antes, pero para iso ten que entregarse en condicións adecuadas. O Concello está preparado para recepcionalo no momento en que iso ocorra”, afirmou.
O Goberno local subliña que manterá plena disposición a recepcionar o aparcadoiro en canto a Xunta corrixa as deficiencias, permitindo incorporalo á rede de aparcamentos públicos da cidade. “Actuamos con responsabilidade e rigor, pensando no interese da veciñanza, non en intereses partidarios. O que pedimos é algo tan básico como que se entreguen as obras en condicións”, conclúe Fernández.
RESPOSTA DA XUNTA
A Xunta insiste ao Concello de Lugo para que "abandone a confrontación e asuma a titularidade do aparcadoiro da Avenida de Breogán executado e, polo tanto, a súa explotación, mantemento e conservación coa finalidade de abrilo e poñelo a disposición da cidadanía".
Nesta liña, critica que, un día despois de que o Concello contactase coa Dirección Xeral de Mobilidade, amosando a “boa vontade” para a recepción do aparcadoiro, o alcalde, Miguel Fernández accedese ao recinto, que actualmente aínda é de titularidade do Goberno galego e está pechado e vallado, para “facerse unha foto reivindicativa” sobre o estado das zonas verdes e a zona de drenaxe, "que o Goberno galego xa solventou", explican.
Ademais, lembran que a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, remitiu unha carta o pasado xuño ao alcalde, Miguel Fernández, informando da finalización e estado das obras de drenaxe demandadas polo Concello e executadas entre abril e maio para corrixir as augas de escorrentía coa implantación dunha obra de drenaxe transversal na rúa Monte Pena Rubia. A pesar de que se trataba dun problema preexistente ao aparcadoiro, e en aras de avanzar na problemática, leváronse a cabo estas reformas.
Tamén a solicitude municipal, retiráronse algunhas pedras das zonas verdes, mellorouse a hidrosementeira nalgunhas zonas e instaláronse topes nas prazas de aparcamento co fin de que as rodas dos vehículos non entrasen dentro das medianas verdes. Por outra parte, tras a resposta do concello reclamando de novo unha serie de modificacións no aparcadoiro, entre os días 1 e 3 de outubro realizáronse traballos de desbroce, estase a mellorar a plantación de céspede nalgúns puntos deteriorados polo paso do tempo, e están programadas novas cortas nos vindeiros días. Ademais, prevese en novembro, cando sexa posible polas condicións climáticas, a plantación de novos exemplares de azaleas, fresnos e bétulas.
A Xunta destinou un investimento de case 1,2 millóns de euros na construción do aparcamento disuasorio da Avenida de Breogán, financiado pola UE ao abeiro dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este espazo, cuxas obras remataron en outubro do ano pasado, permitirá dotar ao barrio da Residencia de 148 novas prazas para estacionar, 14 delas para persoas con mobilidade reducida.