Miguel Fernández destaca as actuacións para mellorar a seguridad dos polígonos industriais de Lugo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, valorou positivamente as medidas que está a tomar o Concello para mellorar a seguridade e a competitividade dos polígonos de As Gándaras e O Ceao, dous dos principais motores económicos da cidade.
Segundo o alcalde, estas actuacións buscan atender as demandas do tecido empresarial local e facilitar o desenvolvemento das actividades das numerosas empresas que operan nestas áreas, nun esforzo por mellorar tanto a súa seguridade como a súa capacidade para competir nun mercado cada vez máis globalizado.
Entre as principais medidas que se están a implementar, destaca a colocación de cámaras de vixilancia para o control do tráfico entre ambos os polígonos. Este sistema de vixilancia estará interconectado coa Policía Local, co obxectivo de mellorar a seguridade nas zonas industriais e de facilitar o seguimento do tránsito de vehículos. Ademais, o Concello está a estudar a reorganización dos estacionamentos e a creación de novos aparcadoiros para dar resposta ás necesidades de aparcamento no entorno dos polígonos.
"Estes polígonos son fundamentais para a economía de Lugo, e queremos que as empresas que se atopan nelas poidan desenvolver a súa actividade de maneira eficiente e segura", asegurou Fernández. Neste sentido, anunciou tamén que están en contacto cos transportistas para desenvolver un parque pechado de camións no polígono de As Gándaras, co fin de mellorar a xestión do transporte de mercadorías e ofrecer unha solución máis segura e ordenada.
Por outra parte, o alcalde de Lugo tamén destacou a necesidade de impulsar un plan sectorial para mellorar a conexión dos polígonos co resto das infraestruturas de transporte. "Transmitinlle á conselleira de Economía a importancia de crear unha vía de comunicación, probablemente a través da Campiña, que permita conectar directamente co A-VI", explicou Fernández. Esta mellora nas conexións viarias é clave para garantir que o empresariado lucense poida competir en igualdade de condicións coas zonas industriais doutros puntos do país.
Finalmente, atendendo ás demandas dos colectivos empresariais, o alcalde tamén solicitou á Xunta de Galicia a creación dunha escola infantil para atender as necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores dos polígonos de As Gándaras e O Ceao. "É fundamental apoiar a conciliación entre a vida profesional e persoal das persoas que traballan nestas zonas, e a creación dunha escola infantil é unha medida clave para conseguir ese equilibrio", concluíu Miguel Fernández.
Con estas actuacións, o Concello de Lugo busca seguir apoiando o desenvolvemento económico e empresarial da cidade, ao tempo que mellora a calidade de vida dos traballadores e a competitividade das empresas locais.