Miguel Fernández e o eurodeputado Nicolás González Casares analizan o proxecto Novo Norte

LugoXa
O alcalde destacou a capacidade de xestión do Concello e explicou que a nova estratexia suporá “un antes e un despois” na transformación urbana da cidade
Novo-Norte-Lugo-Eurodiputado-Nicolás
24 Oct 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo un encontro co eurodeputado socialista Nicolás González Casares para presentarlle o proxecto Novo Norte, unha iniciativa que o rexedor definiu como “a terceira gran transformación da cidade”, e que se desenvolverá con fondos europeos. O Concello de Lugo xa obtivo unha achega de 8,7 millóns de euros para o seu impulso, dentro dun investimento total de preto de 15 millóns.

Fernández Méndez percorreu con González Casares varios dos barrios que se verán beneficiados por esta estratexia, especialmente os da contorna da avenida da Coruña, que cualificou como “a zona máis habitada da cidade e na que esta actuación suporá un antes e un despois na súa transformación e desenvolvemento urbano”.

Durante a visita, o alcalde destacou o importante labor de xestión do Concello, que logrou “mobilizar preto de 90 millóns de euros no último lustro a través de proxectos con financiamento europeo, dos que 33,2 millóns foron achegados pola UE”. Fernández lembrou ademais intervencións previas como o Plan Urban, que permitiu recuperar o patrimonio co Vello Cárcere como símbolo, ou o Dusi-Miramiñae, que favoreceu a conexión entre o río e o centro histórico, contribuíndo a un Lugo máis cohesionado e accesible.

O proxecto Novo Norte, segundo explicou o rexedor, ten como obxectivo mellorar a modernización, a accesibilidade e a sostibilidade de barrios tradicionalmente illados pola vía do tren, como As Gándaras, o Sagrado Corazón ou Paradai, que verán mellorados os seus accesos coa nova estación intermodal.

“Quixemos amosarlle ao eurodeputado todas estas zonas e trasladarlle as nosas ideas desta nova estratexia, que en definitiva permitirá avanzar en proxectos que melloran a vida da xente e transforman a cidade. Seguiremos tamén impulsando plans xa iniciados como a Zona de Baixas Emisións, o Plan de Sostibilidade Turística ou a mellora na xestión de residuos”, concluíu Fernández.

⚙ Configurar cookies
0.078018188476562