Miguel Fernández esixe á Xunta desbloquear o Museo da Romanización tras máis dunha década de paralización

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, solicitou formalmente unha reunión urxente co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para analizar e desbloquear a situación do Museo da Romanización, un proxecto estratéxico para a cidade que permanece paralizado dende hai máis dunha década. O anuncio produciuse antes do encontro coa plataforma cidadá MURO, no que o rexedor trasladou a súa preocupación polo desvío dos fondos autonómicos inicialmente comprometidos para esta actuación.
Fernández explicou que, a pesar de que os Orzamentos Xerais da Xunta para 2025 incluían un importe testemuñal de 500.000 euros, a metade dese crédito, 250.000 euros, foi desviada pola Consellería de Cultura a outros fins alleos ao propio museo, como o financiamento do programa Bono Emancípate destinado á compra de mobles. Lembrou que o compromiso inicial do Goberno galego, adquirido en 2010, ascendía a 10 millóns de euros para desenvolver o Museo da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando, un proxecto paralizado en 2013 e abandonado definitivamente en 2019. En 2022, coa chegada de Rueda á Presidencia, a Xunta expresara a súa vontade de retomar a colaboración, pero segundo Fernández, “tres anos despois non hai ningunha avance nin garantía de cumprimento. O compromiso é nulo e todo son excusas”.
O alcalde subliñou que é responsabilidade do Concello esixir para Lugo o que é de xustiza, lembrando que o propio Concello investiu 2,5 millóns de euros na adquisición do inmoble e preto de 150.000 euros en conservación ao longo dos últimos oito anos. Agora, afirmou Fernández, “debe ser o Executivo galego, única administración competente nesta materia, o que mova ficha e comprometa o financiamento necesario”. O anteproxecto actualizado do museo suma un investimento de 15 millóns de euros, mentres que a Xunta está a investir máis de 17 millóns na recuperación do Pazo de Lourizán.
Fernández incidiu na responsabilidade institucional da Xunta respecto do patrimonio histórico en risco polo bloqueo do proxecto, lembrando que máis de 15.000 pezas catalogadas, propiedade da Xunta, están actualmente custodiadas polo Concello, e que existen miles de pezas dispersas en outras administracións ou domicilios privados de arqueólogos, materiais que precisan dun inventariado rigoroso e dun lugar de referencia para o seu estudo e exposición.
O alcalde advertiu que, sen unha política clara de conservación do legado histórico, é imposible “construír un futuro no que todas e todos nos sintamos recoñecidos” e concluíu que Lugo “non pode permitir outro ciclo de desatención por parte do Executivo galego”. O Concello continuará esixindo o cumprimento dos compromisos adquiridos para que o Museo da Romanización, “un proxecto de cidade, de país e de memoria”, se converta nun espazo de referencia cultural, científica e turística para Galicia e o noroeste peninsular.