Miguel Fernández foi recibido no Club Fluvial de Lugo na súa primeira visita institucional

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, realizou a súa primeira visita institucional ao Club Fluvial desde que asumiu a Alcaldía. Estivo acompañado pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, e foi recibido polo presidente da entidade, Tito Valledor, e outros membros da súa xunta directiva.
Durante a visita, o rexedor asinou no libro de ouro da entidade, onde deixou constancia da relevancia do club “máis alá da súa dimensión deportiva, como punto de encontro fundamental para a cidade ao longo das últimas décadas”.
Miguel Fernández expresou o seu agradecemento pola acollida e valorou a importancia do Club Fluvial como “un espazo que forma parte da memoria colectiva de Lugo, ligado á aprendizaxe de disciplinas como a natación, pero tamén á convivencia, á cultura e ao lecer das familias durante o verán”.
O Club Fluvial de Lugo é unha das entidades deportivas e sociais con maior número de socios de Galicia, cunha longa traxectoria que o converte nun referente da vida lucense. Ao remate da visita, o alcalde e a concelleira trasladaron o seu compromiso de manter unha liña de colaboración activa co club, apoiando os seus proxectos presentes e futuros.