Miguel Fernández logra o compromiso de Rueda para instalar unha praia fluvial nos Robles

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo un encontro de traballo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no que puxo enriba da mesa unha serie de proxectos clave para o futuro da cidade e nos que reclamou maior implicación do Executivo autonómico.
Ao remate da xuntanza, que cualificou como produtiva, o rexedor anunciou que obtivo o compromiso de Rueda para impulsar a instalación dunha praia fluvial na zona dos Robles, entre este barrio e a Fábrica da Luz, unha vella demanda veciñal que, segundo denunciou, fora freada pola administración galega en etapas anteriores. Ambas administracións prevén asinar un protocolo para facer realidade este espazo de baño público, que xa fora proposto polo Concello hai anos e que conta, segundo o alcalde, cun amplo consenso social.
Durante o encontro tamén se abordaron cuestións relacionadas coa mobilidade urbana, como a mellora dos accesos ao barrio de Fontiñas. Fernández e Rueda acordaron traballar nunha proposta técnica e orzamentaria para desenvolver a avenida Vilaverde-Cidade de Portugal como solución viaria para esta zona.
O alcalde tamén condicionou a recepción do aparcadoiro da avenida Breogán, financiado con fondos da Xunta e aínda pechado por deficiencias, a que estea totalmente rematado e cumpra cos estándares previstos, incluíndo o sistema de videovixilancia. En paralelo, reiterouse a proposta do goberno local de executar un segundo aparcadoiro en Fontiñas, tamén con financiamento autonómico.
Outro dos compromisos obtidos foi a receptividade por parte da Xunta á proposta de mellorar o acceso ao polígono industrial das Gándaras desde a autovía A-6 a través da rotonda da Campiña, unha demanda reiterada polo tecido empresarial lucense e que, segundo Fernández, suporía un impulso á competitividade industrial da cidade. Desde a Xunta afirmaron que se licitou o pasado mes de marzo a urbanización de 352.000 m2 nas fases VI e VII-b, que permitirá unha mellor conexión co polígono do Ceao e acceso á autoestrada.
O alcalde reclamou tamén un maior compromiso da Xunta coa conservación e promoción do patrimonio histórico-artístico de Lugo, en especial coa rehabilitación do cuartel de San Fernando para convertelo no Museo da Romanización de Galicia. Fernández lembrou que o compromiso autonómico vén de 2012 e acusou ao Goberno de Rueda de agraviar a Lugo, ao destinar 19 millóns de euros a outros proxectos como o Pazo de Lourizán mentres a cidade continúa agardando.
Neste eido, tamén reclamou avances reais na recuperación do barrio da Tinería e na rehabilitación do pavillón da OJE, pendentes de actuación. Desde a Xunta din que están dispostos a ceder os dereitos ao Concello, se o solicita formalmente, así como a colaborar no financiamento do proxecto que impulse a administración local.
O rexedor informou ademais que promoverá un convenio entre o Concello, a Deputación e a Xunta para sufragar as obras de remodelación da sede da Protectora de Animais en Muxa, iniciativa que contou coa receptividade do presidente autonómico. “Esta actuación conta cun amplo respaldo social e institucional, e é hora de que todas as administracións garantan a súa viabilidade económica e técnica”, destacou.
Por último, Miguel Fernández reclamou a devolución dos máis de 15 millóns de euros recadados pola Xunta en Lugo a través do canon da auga, unha taxa finalista que, segundo advertiu, nunca foi reinvestida na mellora do ciclo da auga no municipio. “Estes fondos son imprescindibles para modernizar a rede e afrontar novos proxectos nos próximos anos”, concluíu. Porén, Diego Calvo lembrou que o Goberno galego segue agardando as correccións pedidas en outubro e que mantén o financiamento comprometido, do 70 %, con respecto ao saneamento e abastecemento de Esperante.
MÁIS TEMAS POR PARTE DA XUNTA
Diego Calvo destacou que a Xunta está facendo un esforzo moi importante e “lidera con feitos a vivenda pública en Lugo”. Así, referiuse ás 460 vivendas protexidas en Garabolos, das que 146 xa teñen obras adxudicadas e 314 están con proxecto e dirección de obra en licitación; ao desenvolvemento do solo residencial no Sagrado Corazón, co plan para 1.200 vivendas, onde xa está adxudicada a redacción de proxecto con prazo de 15 meses; ou ás 137 vivendas resultantes do acordo de permuta de parcelas na rúa Illa Coelleira, Paradai e Angelo Colocci, con 113 delas xa con proxecto e dirección de obra licitados.
A maiores, sinalou á previsión de publicar no terceiro trimestre deste ano a licitación das obras para rehabilitar dous inmobles na rúa Catedral 18 e 22, no barrio de Tinería, e de impulsar 16 vivendas na contorna de Dona Urraca, para o que xa se constituíu o xurado do concurso de ideas, con 17 propostas presentadas.
Con respecto ao Plan Paradai insistiu tamén en que a Xunta mantén o compromiso coa execución da obra xa aprobada para a Serra de Meira. “Estamos actualizando o proxecto, que estará listo este mes e que conta cunha dotación económica de 500.000 euros para este ano, e a continuación firmarase un convenio co concello de Lugo, que ten solicitar permiso da Confederación Hidrográfica para poder acometer a obra”, indicou.
Ademais, tratouse a cuestión da Rolda Leste, que considerou como “prioridade absoluta para a cidade”. “O obxectivo é ter o estudo de impacto ambiental finalizado e en exposición pública este trimestre, para contratar as obras o antes posible”, afirmou. Segundo sinalou, daranse catro alternativas para elixir no máximo consenso co Concello a máis axeitada e o orzamento autonómico superará os 30 millóns de euros. “Trátase dun investimento autonómico irrenunciable para a cidade e para a provincia” engadiu.
Con respecto ao centro de saúde do Sagrado Corazón, o conselleiro sinalou que a Xunta está á espera de que o Concello poña á disposición a parcela, polo que se lle pediu a máxima celeridade. Na xuntanza, o Goberno galego ofreceu ademais colaboración para demoler a construción existente na parcela e axilizar así a posta á disposición do terreo e a construción do centro de saúde.