Miguel Fernández pide manter a Escola de Enfermaría como centro autónomo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, alertou do risco que corre a continuidade da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo tras a sinatura, o pasado 30 de abril, do protocolo para a reestruturación da docencia nesta área, e anunciou que solicitará unha reunión urxente co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e cos conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. O obxectivo da reunión é garantir o mantemento da Escola como centro autónomo.
Fernández denunciou que o cambio previsto pola USC e a Xunta implicaría converter o centro nunha sección dependente da facultade compostelá, o que suporía unha perda de autonomía organizativa, capacidade de xestión e recoñecemento institucional para Lugo como cidade universitaria. “Non podemos aceptar unha decisión que poña en risco a continuidade da Escola nin que debilite o papel de Lugo como cidade universitaria”, advertiu.
Para evitar esta situación, o Grupo Municipal Socialista vén de rexistrar unha proposición para o seu debate no Pleno do Concello, na que se reclama que se respecte a estrutura actual da Escola de Enfermaría como centro autónomo adscrito á USC. A iniciativa tamén recolle a preocupación compartida por distintos sectores, como o profesorado, a Academia Galega de Enfermaría ou o Colexio Profesional, que coinciden en sinalar que esta medida suporía unha rebaixa institucional e un retroceso para Lugo.
O rexedor subliñou que a Escola leva medio século formando persoal sanitario cualificado para o sistema público galego, cunha alta demanda e un recoñecemento social e académico consolidado. Advertiu, ademais, das consecuencias prácticas da proposta, xa que “é moito máis doado pechar unha sección que un centro autónomo”, polo que considerou que esta reorganización non é neutra, senón “un risco real a medio prazo”.
Finalmente, Miguel Fernández defendeu que Lugo debe preservar os centros que funcionan ben e que son clave para o crecemento do seu campus: “Se queremos que o noso campus siga medrando, debemos defender con firmeza a Escola de Enfermaría”.