Miguel Fernández presenta o novo organigrama do Concello de Lugo

LugoXa
Waldir Sinisterra traballará pola integración social e a convivencia, así como atenderá á poboación migrante na Concellería de Movementos Migratorios
alcalde-de-Lugo-Miguel-Fernández
19 Mar 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, asinou o novo decreto de organización que marcará o funcionamento do Concello nesta nova etapa.

A reestruturación mantén a continuidade coa anterior organización, pero introduce “pequenas modificacións co obxectivo de mellorar o funcionamento da Administración e aproveitar ao máximo os perfís políticos e profesionais do equipo de Goberno”, tal e como destacou o propio rexedor.

Fernández subliñou a importancia dun equipo “cunha traxectoria contrastada en diferentes ámbitos de xestión”, convencido de que, coa colaboración dos traballadores municipais, se logrará “mellorar a eficiencia interna e incrementar o ritmo da tramitación administrativa, repercutindo na calidade dos servizos públicos”.

O novo organigrama da parte socialista do Concello de Lugo estrutúrase en cinco grandes áreas: Alcaldía e Transición Ecolóxica; Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Xuventude; Dinamización Económica e Relacións Institucionais; Cohesión Social; e Cohesión Territorial.

Alcaldía e Transición Ecolóxica

O propio Miguel Fernández encabeza esta área, que ten como eixo central a coordinación dos proxectos estratéxicos da cidade e o impulso da Axenda 2030. Ademais, seguirá xestionando asuntos vinculados ao medio ambiente, cambio climático, xestión enerxética e de residuos, ciclo da auga, zonas verdes e limpeza viaria.

Tamén asume a supervisión da estrutura administrativa e os servizos municipais de emerxencias como Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.

Xestión Integral de Recursos Internos, Urbanismo, Deportes e Xuventude

Pablo Permuy continúa á fronte da área de Recursos Internos, encargándose da contratación local, xestión económica e financieira, patrimonio municipal e persoal.

Pola súa parte, Jorge Bustos dirixirá a Concellería dedicada a Urbanismo, Deportes e Xuventude. Bustos asumirá tamén competencias en materia de prevención de drogodependencias, promoción do deporte e organización de eventos como o Arde Lvcvs. O alcalde destacou a súa formación como enxeñeiro como valor engadido para asumir o reto urbanístico.

Cohesión Social

Olga López Racamonde liderará esta área, que abarca os servizos sociais, promoción e reinserción social, centros sociais e programas de voluntariado.

A área amplíase con dúas Concellerías específicas: Muller, Igualdade e Inclusión, a cargo de Ángeles Novo; e Movementos Migratorios, baixo a responsabilidade de Waldir Sinisterra.

Novo impulsará políticas de igualdade e conciliación, mentres que Sinisterra traballará pola integración social e a convivencia, centrando os seus esforzos na atención á poboación migrante.

Dinamización Económica e Relacións Institucionais

Mauricio Repetto mantén a coordinación desta área, centrada na promoción da actividade económica, comercio, emprego e formación.

Tamén continuará xestionando a estratexia de fondos europeos e establecendo vínculos con entidades municipais e supramunicipais.

Cohesión Territorial

Ana González Abelleira seguirá á fronte desta área que garante a atención ás necesidades das parroquias e do ámbito rural. Estará encargada da conservación e obras nas vías públicas rurais, así como da dinamización sociocultural dos centros da zona rural. A área inclúe tamén o Parque Móbil, a Brigada de Maquinaria e as Unidades de Zona Rural.

O alcalde concluíu afirmando que “é necesario darlle continuidade ao gran traballo desenvolvido nos últimos anos para seguir transformando Lugo na cidade referente coa que todas e todos soñamos”.

⚙ Configurar cookies
0.17399287223816