Miguel Fernández reclama a Rueda un maior compromiso nos proxectos de valor estratéxico para a cidade

LugoXa
“É un agravio sen precedentes que o presidente Rueda anunciara un investimento que supera os 17 millóns de euros para o pazo de Lourizán, mentres botan balóns fora co museo da Romanización”, afirmou
rueda-miguel-fernandez-o-veral
11 May 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reclamou esta mañá á Xunta de Galicia maior compromiso en proxectos estratéxicos para Lugo, especialmente na finalización do corredor Nadela-Sarria e na reactivación do plan Paradai, así como o futuro Museo da Romanización ou a recuperación do barrio de Tinería. “A nosa man está tendida para colaborar co Goberno autonómico en todo o que sexa necesario para que Lugo avance, pero urxe que a Xunta axilice a materialización dos asuntos pendentes e concrete solucións para os proxectos estratéxicos que son da súa competencia e están a condicionar o desenvolvemento e benestar da veciñanza lucense”, sinalou o rexedor, que demandou concreción en relación a petición do Goberno local fixo hai meses de actuar na avenida Vilaverde e construír un novo canil en Fontiñas.

O rexedor destacou a necesidade de avanzar de maneira efectiva na conexión do polígono industrial das Gándaras coa A-6, recentemente comprometido, e na finalización do corredor Nadela a Sarria, unha infraestrutura clave para mellorar a conectividade e o desenvolvemento económico do municipio e de toda a comarca e que ademais é fundamental para vertebrar a zona centro da provincia. “Desde o último anuncio do presidente Rueda, non se rexistrou ningún avance tanxible neste proxecto, o que xera preocupación e frustración entre os veciños e as institucións locais”, afirmou.

“A finalización deste corredor é esencial para mellorar a seguridade viaria e optimizar o transporte de mercadorías, ademais de potenciar a economía local e provincial, especialmente nun momento en que a activación económica require de investimentos en infraestruturas que conecten mellor a Lugo co resto de Galicia”, apuntou.

O incumprimento do plan Paradai e o seu impacto ambiental

Así mesmo, o alcalde afeou a parálise do plan Paradai, un proxecto que, segundo lembrou, foi pactado e no que tanto o Concello de Lugo como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil cumpriron cos compromisos asumidos. “É imprescindible que a Xunta reacción e actúe na Calzada das Gándaras para que o Plan Paradai cumpra os seus obxectivos, que ademais son vitais para a protección do medio ambiente e a mellora da calidade de vida desta zona da cidade”, subliñou.

O plan Paradai busca xestionar de maneira sostible os recursos hídricos e previr inundacións na cidade, pero o seu atraso pon en risco a protección da contorna natural, ademais de evidenciar unha falta de compromiso por parte da Xunta na xestión de recursos esenciais para a cidade.

Neste contexto, o alcalde tamén fixo un chamamento urxente á Xunta para que cumpra co seu compromiso de impulsar a rehabilitación do barrio da Tinería, unha zona de gran valor patrimonial e artístico que require dunha intervención decidida para poñer en valor o seu patrimonio histórico.

“A falta de avances nos proxectos de Dona Urraca e casa evidencian a pasividade da Xunta coa recuperación do noso patrimonio cultural. A Tinería representa unha oportunidade para potenciar o turismo cultural e a economía local, pero necesita dun investimento e unha planificación que aínda non chegan”, proseguiu.

O Museo da Romanización e a conservación do patrimonio arqueolóxico

Ademais, Fernández afeou a falta de acción respecto ao proxecto do Museo da Romanización, previsto para o antigo cuartel de San Fernando. “Este proxecto é fundamental para dar visibilidade ás máis de 15.000 pezas arqueolóxicas descubertas na nosa cidade nas últimas décadas, moitas das cales permanecen dispersas e sen poder ser divulgadas. A demora na súa posta en marcha supón unha perda irreparable para o noso patrimonio e para a promoción cultural de Lugo. É un agravio sen precedentes que a Xunta anunciara un investimento que supera os 17 millóns de euros para o pazo de Lourizán, mentres botan balóns fora co museo da Romanización”, afirmou Miguel Fernández.

“A creación deste museo sería un paso decisivo para consolidar a Lugo como un referente na historia europea, ademais de atraer turismo e recursos económicos. A falta de avances no seu desenvolvemento reflicte unha preocupante desatención por parte da Xunta cara a un dos proxectos sobre os que existe un compromiso firme desde hai máis dunha década", proseguiu Fernández.

Por último, o alcalde concluíu reiterando a súa disposición a colaborar estreitamente coa Xunta para acelerar estes procesos e garantir que Lugo reciba a atención e os recursos que merece.

“O noso compromiso é defender os intereses da veciñanza lucense e para iso prestaremos a máxima colaboración interadministrativa, pero é necesario concretar avances. Por exemplo, continuamos sen saber cal é a intención do Goberno de Rueda en relación a melloras solcitadas para a zona de Fontiñas. A Xunta debe cumprir coa súa responsabilidade e deixar de mirar cara a outro lado”, rematou o rexedor lucense.

⚙ Configurar cookies
0.18141078948975