Miguel Fernández reúnese coa directiva da APEHL na Casa do Concello

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha primeira reunión coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), encabezada polo seu presidente, Cheché Real. O encontro celebrouse na Casa do Concello, enmarcado na rolda de contactos institucionais iniciada polo rexedor tras asumir a Alcaldía.
Durante a xuntanza, Miguel Fernández trasladou o compromiso do Goberno local co sector e agradeceu “o seu labor constante, tanto como motor da economía lucense como pola súa capacidade para proxectar a nosa cidade cara ao exterior”.
O alcalde destacou que “a hostalaría é un dos piares fundamentais da nosa identidade: a gastronomía é un factor diferencial para atraer visitantes, e o traballo que fan día a día os profesionais do sector é clave para o dinamismo e a vitalidade de Lugo”.
Ademais, puxo en valor “a súa implicación coa vida da cidade a través das numerosas iniciativas que organizan ao longo do ano, contribuíndo a facer de Lugo un lugar atractivo, vivo e hospitalario”.
Esta primeira toma de contacto serviu como punto de partida para unha reunión de traballo que se celebrará proximamente, na que se abordarán diferentes aspectos relacionados co sector hostaleiro, co obxectivo de avanzar na súa consolidación, mellora e proxección.