Miguel Fernández reunirase co presidente de Renfe para trasladarlle as necesidades de Lugo

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, manterá o 18 de xuño unha reunión co presidente de Renfe, Álvaro Fernández de Heredia, para trasladar as principais reivindicacións da cidade en materia ferroviaria.
O encontro, solicitado formalmente polo propio rexedor, forma parte dunha estratexia planificada para mellorar os servizos ferroviarios de Lugo, que xa incluíu hai unhas semanas unha reunión co secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano.
“Estamos nun momento decisivo para o futuro da mobilidade en Lugo. En menos dun ano inaugurarase a estación intermodal, pero sen trens competitivos corremos o risco de ter unha estación baleira. Esta reunión é clave para garantir servizos dignos e igualitarios”, sinalou o alcalde.
Miguel Fernández defenderá unha batería de melloras que inclúe tanto medidas de carácter inmediato como propostas estratéxicas a medio prazo.
Entre elas destacan a implantación dun servizo matinal que permita chegar a Madrid antes das 10:30 h, esencial para as viaxes laborais e administrativas: o alcalde plantexará que esta frecuencia poida implantarse ben mediante unha saída directa desde Lugo (vía Alvia) ou mediante un transbordo optimizado en Ourense, sempre garantindo un tempo de viaxe inferior a cinco horas.
Ademais, a recuperación dunha frecuencia vespertina que permita regresar desde Madrid a Lugo en horario axeitado; e o restablecemento da posibilidade de facer viaxes de ida e volta no mesmo día, opción que se perdeu coa recente supresión do enlace co último AVE da noite.
Tamén reclamará a mellora da conectividade coa Cornixa Cantábrica, coa recuperación de conexións directas con destinos como Bilbao, León, ademais de Barcelona, que se perderon nos últimos anos, así como o reforzo das frecuencias entre Lugo e Ourense, que permita aproveitar mellor a rede AVE e AVLO dispoñible desde a cidade das Burgas.
A maiores, o rexedor trasladará a necesidade de incorporar a Lugo nas melloras tarifarias e de horarios que xa desfrutan outras capitais galegas, e de avanzar no estudo dunha conexión directa entre Lugo e Santiago, que permita reducir tempos de desprazamento e mellorar a vertebración territorial do interior galego.
No plano estratéxico, o alcalde porá tamén enriba da mesa a inclusión efectiva de Lugo no Corredor Atlántico de Mercadorías, unha infraestrutura prioritaria para a Unión Europea que busca conectar os portos atlánticos co centro de Europa mediante transporte ferroviario sostible. A conexión Lugo–Monforte–León precisa aínda actuacións urxentes en capacidade, electrificación e apartadeiros para trens longos, cuxo retraso podería deixar a Lugo fóra dos grandes fluxos loxísticos europeos.