Miguel Fernández: “Valoro as críticas porque son un impulso para facer as cousas cada vez mellor”

Jessica Fernández
O pasado 11 de marzo, Miguel Fernández (Ribeira de Piquín, 1955) tomou posesión como alcalde de Lugo despois de ser elixido polos seus compañeiros do PSOE como sucesor de Paula Alvarellos, un cargo que asume con ilusión e ganas, xa que “para min ser alcalde non é un traballo, é unha oportunidade que desfruto”.
Como asume este cargo?
Moi animado e orgulloso por asumilo. Non hai nada que poida enorgullecer máis a alguén que cre na vocación do servizo público que ser alcalde da súa cidade. Polo tanto, estou encantado, responsabilizado, con ganas de seguir traballando e con moita forza.
Cre que debería ter sido alcalde antes ou cre que todo pasa no momento que debe?
Chegou cando tiña que chegar. Houbo outros momentos nos que houbo que facer cambios na Alcaldía e no grupo municipal decidiuse que había persoas cun perfil mellor para asumir esa responsabilidade, como foi Paula Alvarellos, que ademais se demostrou que foi un acerto, porque fixo unha gran xestión. E, agora, neste momento, dentro do grupo e do partido decidiron que era eu. Polo tanto, agradecido a todos e agora a tirar cara a adiante.
Despois de presentar o novo organigrama, como cre que van ser estes dous anos que quedan de lexislatura?
Temos un grupo de concelleiros moi formados, moi preparados e moi implicados que levan un tempo traballando e, polo tanto, coñecen os servizos. Así, os cambios organizativos son de continuísmo, basicamente. Houbo que incorporar un novo concelleiro e darlle unha área de responsabilidade e tamén adaptar as distintas áreas aos diferentes perfís profesionais e persoais. Temos un grupo cohesionado, un grupo forte, e estou seguro de que se vai notar a nosa pegada nos dous anos que quedan.
Seguirase o camiño trazado ata o de agora ou haberá algún cambio na forma de traballar?
Esta cidade sufriu unha primeira transformación en positivo co primeiro alcalde, Orozco, que a democratizou, que a abriu ao mundo e deulle visibilidade. Logo, veu a etapa de Lara Méndez, coa que traballei uns anos, polo que eu tamén son parte dese modelo e proxecto de cidade. Aí apostamos pola mobilidade, a sostibilidade, pola utilización de materiais autóctonos como a madeira e elementos estruturais, gañando espazos para a cidadanía, ampliando zonas de peonalización, potenciando o transporte público... É dicir, facendo unha cidade máis cómoda e harmónica. Agora, será unha nova etapa, na que temos unha serie de obras en marcha, e eu veño de participar de maneira moi activa neste modelo, polo tanto, será unha liña continuísta. Creo que fomos capaces de poñer en valor o patrimonio natural e histórico-artístico e nesa liña quero continuar.
Cales son os proxectos máis inmediatos?
O máis inmediato é rematar as obras do casco histórico e así o manifestei na propia toma de posesión. Temos que rematar xa, pero tamén hai datos obxectivos para entender por que aumentou o tempo de desenvolvemento. Primeiro, porque unha parte moi importante da actuación é no subsolo; non é só o que se ve na superficie. Despois, a climatoloxía tampouco axudou, e a aparición de restos románicos, igual. A pesar de que considero que as obras avanzan a un moi bo ritmo, eu quero rematalas xa porque sei que causan molestias aos veciños e prexuízos aos comerciantes e aos exteriores do centro. Polo tanto, demos unha data concreta e temos a firme convicción de cumprila. Logo, hai unha serie de obras que van comezar, como o desdobramento da Duquesa, que facemos en colaboración coa Deputación Provincial; tamén unha reivindicación histórica, que é a unión do río Rato co Miño; despois faremos unha obra de remodelación dun parque infantil na zona do Sagrado Corazón; e tamén hai prioridades, como arranxar a rúa Fermín Rivera, onde hai problemas de avarías con demasiada frecuencia e é algo que queremos abordar o antes posible.
Como se toma o Goberno local e, concretamente vostede, as críticas?
As críticas son inevitables. O que sería peor é que te criticaran por non facer. Se te critican por facer, son lícitas e valóranse, porque sempre teñen unha parte de realidade, de verdade, e, por tanto, eu, desde logo, enténdoas como un acicate e como un impulso para seguir avanzando, para facer as cousas cada vez mellor. É importante entender e valorar a opinión de todos.
“Quero afondar no sentimento de orgullo de vivir nunha cidade cómoda, harmónica e bonita”
Cales son, desde o seu punto de vista, as necesidades máis urxentes da cidade?
Quero empezar dicindo que Lugo é unha cidade marabillosa e espectacular, e que os que nos visitan, que cada día son máis, así o entenden e o manifestan. Nós tamén o sabemos, pero ás veces custa interiorizalo e eu quero afondar nese orgullo de cidade, de satisfacción por vivir nunha cidade cómoda, harmónica, bonita, onde é sinxela a convivencia, onde se poden facer proxectos de emprendemento e de futuro... Por iso, quería afondar nese orgullo colectivo no que non queremos deixar a ninguén atrás, e unha das necesidades de Lugo ten que ver co tema da inmigración, polo que creamos unha área específica cun novo concelleiro, porque hai máis do 10 % da poboación en Lugo procedente doutros países, e é necesario integralos, axudarlles, colaborar con eles, etc. Outro tema importante é a cohesión territorial, xa que queremos actuar no centro, pero tamén nos barrios e nas parroquias. Así, actuamos a través dunha dobre vertente: levamos a cabo grandes obras de transformación e modernización da cidade, e tamén facemos pequenas actuacións diarias que lle fan a vida máis cómoda e más levadía á xente. Por iso a idea de estar en permanente escoita e contacto cos veciños e as veciñas.
E no ámbito rural do municipio?
Nós aspiramos a que as persoas poidan vivir no rural e vivir do rural. Para o primeiro, é necesario dar servizos, mellorando as conectividades, as infraestruturas... xa que temos máis de 1.100 quilómetros de estradas municipais e 3.750 puntos de alumeado público, e queremos seguir nesa liña de facer a vida cómoda, de dar servizos suficientes, e tamén apoiar calquera iniciativa de emprendemento para que a xente poida vivir do rural e facer o seu proxecto de vida. As parroquias en Lugo son o 80 % de territorio, son case un 20 % de poboación, e esa simbiose rural-urbano é unha cosa positiva que temos que valorar e potenciar.

Volvendo á cidade. Fálenos dos proxectos máis importantes a levar a cabo nos diferentes barrios.
O primeiro, temos a necesidade de actuar na Avenida Adolfo Suárez, a partir da Campiña, xa que é unha arteria moi importante de tráfico cara a cidade e que agora non ten o realce que merece. Logo, temos un proxecto moi ilusionante chamado Lugo Norte, que se trata de actuar nas marxes da Avenida da Coruña coa creación dun gran bulevar, con aumento de zonas verdes, de bancos, de dinamización do comercio e da hostalaría, e que implica tamén unha iniciativa de unión da Intermodal co resto da cidade. Tamén é imprescindible a conexión do Polígono das Gándaras coa A-6, e a construción neste entorno dunha escola ou ludoteca infantil para que se poida conciliar a vida laboral e familiar, e avanzar tamén no Plan Paradai, xa que á Serra de Meira hai que darlle unha saída e queremos que a Xunta se implique.
Tamén temos posto o ollo no Museo da Romanización, ou Museo Galaico Romano, como din algúns expertos, xa que o Concello fixo una inversión importante para conseguir o inmoble e temos ademais moitísimos restos arqueolóxicos sen catalogar e en distintas localizacións, polo que temos que pedir axuda. Igual que pediremos colaboración para o tema de promover os aparcadoiros en Fontiñas, propoñendo abrir a Avenida Vilaverde, coa que conseguiríamos gañar fluidez de tráfico e arredor de 300 prazas de aparcamento.
En definitiva, teremos a man tendida e ofreceremos facilidades para todos os proxectos que sexan beneficiosos para a cidade independentemente do partido político da Administración que se trate, pero sendo firmes e rigorosos á hora de esixir, xa que non queremos ser máis ca outras cidades, pero non nos conformamos con menos. E, por exemplo, con respecto ao canon da auga, os veciños levamos aportados máis de 12 millóns de euros nos últimos anos sen que houbera ningún retorno para esta cidade.
Un dos barrios no que máis foco poñen os veciños ultimamente é A Milagrosa.
O barrio da Milagrosa é un barrio moi importante, poboado e senlleiro, e por algunha razón ás veces trasládase unha imaxe irreal de que hai conflitos, de que hai problemas... pouco menos que é o Bronx, e non é verdade. É moi inxusto porque hai problemas como noutras zonas, pero estase controlando. Eu quería facer un chamamento á responsabilidade para que ninguén estigmatice ningún barrio, tampouco A Milagrosa, porque se está facendo moito dano aos comercios, á hostalaría, aos veciños, xa que non hai nada absolutamente alarmante. Así, seguiremos traballando no barrio para poñelo en valor.
Non quería marchar sen preguntar pola Protectora de Lugo.
Temos deseñado un proxecto moi ambicioso, bonito, innovador e moderno, utilizando os edificios e instalacións do antigo Matadoiro, que incluso o propio deseño se consensuara con algúns dos veterinarios da Protectora, porque os técnicos aseguraban que a actual localización non era posible urbanisticamente. Pero agora hai certo consenso entre distintos técnicos de distintas administracións en que é viable na parcela actual e nós, que temos consignada nos orzamentos unha partida importante, máis a axuda que lle damos anualmente, non temos ningún inconveniente en, se é viable urbanisticamente, falar coas outras administracións (coa Deputación Provincial e a Xunta de Galicia) e negocialo. Nós o que queremos é darlle unha saída, porque sabemos que as actuais condicións da protectora non son as mellores.
“Sentín o alento de moitos veciños a dar o paso á Alcaldía e, por tanto, síntome con ganas de seguir sendo alcalde máis alá de 2027”
Tendo en conta a cantidade de proxectos que pon enriba da mesa, entendo que vai ser complicado levalos a cabo en dous anos. Ten pensado presentarse como alcaldable nas eleccións municipais de 2027?
Si, iso téñoo perfectamente claro. Cando eu din este paso foi porque o considero un orgullo e o meu grupo me apoiou, creo que conto coa colaboración de moitos funcionarios desta Casa, aos que teño que agradecer que nestas datas a mecánica seguira funcionando con normalidade, e co alento de moitas cidadás e cidadáns da rúa, xente do común, que estes días me animaron a dar o paso. Por iso, teño ganas, teño forza e serei alcalde desta cidade mentres os veciños queiran.
Compatibilizar o traballo á fronte do Concello e na Deputación, como se leva “estar a todo”?
Que isto é algo moi esixente é algo que xa sabemos. Creo que é cuestión de organizarse, de saber dosificar e saber sacar tempo para coidarse a un mesmo; eu son enfermeiro de profesión, polo tanto, algo de coidados debería saber. Sigo na Deputación porque non é viable que me substitúan os compañeiros concelleiros. Se non, pois daría paso, sen dúbida. Como iso non é posible, pero creo firmemente que a capitalidade da provincia ten que estar representada na Deputación, aí estou. Ademais, eu creo que cando fas un traballo que che gusta, no que estás ilusionado, que che apetece, no que te sentes cómodo, desfrutas. Eu desfruto falando cos veciños, intentando solucionar os seus problemas, polo que non o considero un traballo, creo que é unha oportunidade de estar en contacto cos veciños, de mellorar as súas condicións de vida, de transformar a cidade e de modernizala, e formar parte diso é un orgullo.
Finalmente, quería pararme no futuro do partido, xa que acaba de ser o Congreso do PSdeG. Como ve as seguintes eleccións a representantes provinciais?
Temos un mecanismo establecido a nivel congresual, o Congreso a nivel de Galicia, e seguiremos os pasos. Eu colaborarei co meu partido en todas as áreas, participarei en todo, como non podería ser doutra maneira. Veremos cantas persoas se deciden a dar o paso, cantas máis mellor, porque iso é enriquecedor; e toda a renovación que haxa que facer, farase, pero sempre contando coa experiencia de moitos compañeiros e compañeiras que levan moitos anos loitando por un partido e, sobre todo, por unha sociedade mellor. Un partido é un instrumento co que nos dotamos para mellorar a vida das persoas, que é o fundamental. Hai persoas moi cualificadas, moi capaces, moi preparadas que seguro que van dar o paso e van ter o apoio da militancia. Tivemos un Congreso en Santiago que foi un modelo de participación e de cohesión, e iso seguro que se vai trasladar, primeiro á provincia, e a continuación, ao ámbito local da agrupación.