Miguel Fernández vén de ser investido como novo alcalde do Concello de Lugo

LugoXa
Destacou que quere seguir sendo “o Miguel próximo que está para a xente e da man dun equipo de persoas que teñen un gran compromiso”
alcalde-de-Lugo-Miguel-Fernández
11 Mar 2025

Miguel Fernández vén de ser investido como novo alcalde do Concello de Lugo no pleno que se celebrou esta tarde de martes, 11 de marzo, despois de que a anterior alcaldesa, Paula Alvarellos, falecera o pasado sábado 1 de marzo, pola que, ademais, se gardou un minuto de silencio ao principio do pleno.

O alcalde, que comezou afrontando o día con "tranquilidade, responsabilidade e moitísima ilusión", sostivo que o que buscaban era "rematar con este período de transición para comezar a traballar con normalidade neste reto de transformación e de mellora da cidade que temos por diante".

Por outra banda, durante o pleno, xurou como concelleiro Waldir Sinisterra.

ABSTENCIÓN DO PP

Con respecto á portavoz popular, Elena Candia, ao ser preguntada por se aceptaba presentarse como candidata á Alcaldía de Lugo, esta dixo que rexeitaba formar parte do proceso, “debido á excepcionalidade da situación”.

A voceira do PP de Lugo manifestou que “no Partido Popular temos un proxecto para Lugo e moitas gañas e ilusión por gobernar este municipio e liderar un cambio” engadindo que “tamén somos persoas con profundos valores e sentimos un absoluto respecto por unha situación tan triste como a vivida da que ninguén de nós quixera formar parte”.

Cremos na política con maiúsculas, na política con valores e na política que sabe responder diante dunha situación tan excepcional e difícil. Elena Candia concluía cun ofrecemento ao novo alcalde “aquí ten a nosa man tendida para buscar entendementos en cuestións prioritarias para Lugo”.

Ante estas circunstancias e continuando coa actitude de profundo respecto a voceira do Grupo Municipal do PP, Elena Candia, destacou a abstención na votación do candidato á Alcaldía. "Aínda que estamos lexitimados para facelo, porque fomos a forza máis votada con 12 concelleiros dos 25 da corporación, hoxe descartamos dar ese paso", afirmou Candia.

A PROCLAMACIÓN DO ALCALDE

Así, procedeuse á votación para elixir ao alcalde, sendo o máis votado Miguel Fernández e proclamado alcalde, quen recibiu o bastón de mando da man do tenente de alcalde, Rubén Arroxo. No seu discurso, quixo agradecer a Paula Alvarellos, en primeiro lugar, así como despois tivo palabras de agradecemento para Antonio Orozco, Lara Méndez, José Tomé, Jose Ramón Besteiro, e para todos os seus compañeiros do Concello de Lugo. Así como tamén falou da súa familia, que estivo presente no acto.

O novo rexedor sinalou durante o seu discurso de investidura que “como alcalde progresista manteño a firme convicción de defender o interese xeral sempre dende os dereitos e a xustiza social, dende a aposta polo público e, sobre todo, dende a escoita activa e directa da sociedade lucense. E niso porei todo o meu empeño”.

“O reto que hoxe asumo pasa por consolidar a idea de que Lugo continúe converténdose nun lugar de oportunidades. A meta pola que traballarei con toda a forza, ilusión e entusiasmo persegue construír un municipio que siga gañando poboación, que siga gañando en calidade de vida e que consolide á nosa cidade como o referente económico, patrimonial e cultural que a nosa provincia necesita”, afirmou Fernández.

Destacou que quere seguir sendo “o Miguel próximo que está para a xente, e da man dun equipo de persoas que teñen un gran compromiso, cos que traballarei por seguir mellorando e facendo medrar a cidade de Lugo"; así como destacou o seu propio compromiso cos proxectos “escoitando todas as demandas da sociedade para conseguir un Lugo máis harmónico e que sexa un orgullo dos seus veciños. Queremos que se poida construír en Lugo un proxecto de vida, porque temos unha cidade marabillosa”.

“O futuro de Lugo pasa por dispoñer dun espazo urbano moderno, sostible, ecolóxico e acolledor que achegue calidade de vida e facilite a socialización, por un rural competitivo e innovador e por unha economía dinámica e en continuo crecemento que permita xerar emprego e gañar población”, proseguíu o alcalde.

Antes de rematar, Fernández destacou a importancia do tecido asociativo da cidade e da participación cidadá. “Hoxe quero deixar claro a todas e todos os lucenses, a todas as entidades, asociacións e colectivos que esta tarde están representados neste salón de Plenos, o meu compromiso firme de traballar sempre polo ben da cidade, pola súa prosperidade e progreso;  facendo meus aqueles proxectos que temos encamiñados e escoitando as demandas da cidadanía para iniciar aqueles outros que a misma nos demande”, apuntou.

No acto, José Tomé aproveitou a ocasión para felicitar aFernández pola súa nova responsabilidade e subliñou “asúa capacidade de traballo e compromiso”con Lugo. Asegurou o mandatario provincial estar convencido de que, “coa súa traxectoria e dedicación, Miguel asumirá esta nova etapa con éxito”. O mandatario provincial expresou o seu compromiso de seguir mantendo unha estreita e fluída colaboración entre a Deputación e o Concello da capital da provincia. “A súa experiencia política será unha peza clave para continuar cos proxectos que temos en marcha, conxuntamente, entre a Deputación e o Concello, para seguir avanzando na construción dunha cidade moderna, mellorar a calidade de vida dos lucenses e favorecer o progreso económico da cidade”, sinalou o presidente da Deputación de Lugo.

PERFIL POLÍTICO

Fernández, nado en Ribeira de Piquín no ano 1955, foi elixido como novo rexedor tras a reunión mantida a semana pasada na sede provincial do PSOE, na que se acordou o seu nomeamento por ser o seguinte na lista e no grupo municipal.

Diplomado universitario en Enfermaría, desenvolveu a súa carreira profesional no Centro de Saúde da Pobra de San Xiao, en Láncara. Ademais, presidiu o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo e foi membro da súa xunta directiva.

No ámbito político, Miguel Fernández foi concelleiro no Concello de Lugo, onde asumiu diversas áreas, entre elas a de Transición Ecolóxica. Tamén exerceu como voceiro do goberno local e concelleiro de Medio Rural.

Na Deputación de Lugo ocupou o cargo de deputado provincial polo partido xudicial de Lugo, con competencias en áreas como Vías e Obras.

En xaneiro de 2024, tras a saída da daquela alcaldesa Lara Méndez para acompañar a José Ramón Gómez Besteiro na súa candidatura ao Parlamento de Galicia, Miguel Fernández foi considerado o seu sucesor natural. Porén, nese momento o grupo municipal optou por Paula Alvarellos para liderar o goberno local.

Agora, tras o seu inesperado falecemento, Miguel Fernández asume finalmente a Alcaldía de Lugo co respaldo do grupo socialista e co compromiso de dar continuidade ao proxecto de goberno municipal.

⚙ Configurar cookies
0.12787508964539