Miguel Tomé asegura en Guntín que Besteiro mellorará a rede viaria de toda Galicia

LugoXa
O número catro da candidatura do PSdeG pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé, vén de manter un encontro cos gandeiros e gandeiras de vacún de leite da cooperativa de Vilamaior de Negral e comprobar tamén as melloras acometidas na estrada provincial que conecta Lugo e Guntín, e que dá servizo a diferentes explotacións.
miguel_tome_estrada_lugo_guntín
9 Feb 2024

O número catro da candidatura do PSdeG pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Miguel Tomé, vén de manter un encontro cos gandeiros e gandeiras de vacún de leite da cooperativa de Vilamaior de Negral e comprobar tamén as melloras acometidas na estrada provincial que conecta Lugo e Guntín, e que dá servizo a diferentes explotacións. Unha xornada na que socialista estivo acompañado polo deputado provincial Pablo Rivera e compañeiros e compañeiras da agrupación local.

“O partido socialista está comprometido coa cohesión territorial”, subliñou Tomé, que puxo como exemplo a LU-P-2901 entre Lugo e Guntín que foi reparada recentemente pola Deputación de Lugo cun investimento que superou os 250.000 euros. “Esta vía comunica núcleos rurais, dá acceso ás explotacións agrarias, algo moi importante para manter unha actividade económica fundamental para a xestión do territorio e a conservación do patrimonio natural que ademais garante o desenvolvemento rural e xeran emprego estable, diversificado e de boa calidade”, valorou.

O socialista trasladou o compromiso do seu partido e de Besteiro con seguir mellorando a rede viaria de toda Galicia “porque creemos na cohesión territorial para conseguir esa cohesión social tan necesaria na comunidade autónoma”. Asegurou Tomé que “Besteiro na Xunta desbloqueará obras estratéxicas e completará o mapa de infraestruturas da provincia e de Galicia”.

Miguel Tomé sinalou tamén que Besteiro impulsará na Xunta de Galicia medidas de apoio á renda da mocidade que se incorpore ao sector agrogandeiro para garantir o relevo xeracional e a necesidade de que se tomen medidas urxentes para preservar unha actividade económica “fundamental para a xestión do territorio e a conservación do patrimonio natural, que garante ademais o desenvolvemento rural e xeran emprego estable, diversificado e de boa calidade”. Engadiu que a aposta polo I+D+i no sector primario e a súa posta en valor como eixe da acción do goberno son algunhas das propostas programáticas de Besteiro de cara a impulsar esta actividade económica.

0.21994400024414