Miles de persoas concentráronse en Santiago contra o proxecto de Altri en Palas de Rei

LugoXa
Segundo os organizadores, trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige
manifetacion-altri-santiago1
15 Dec 2024

Máis de 100.000 persoas abarrotaron hoxe as rúas de Santiago -desde a Alameda ata a praza do Obradoiro- convocadas polas Plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría de Arousa (PDRA) baixo o lema “A Xunta non pode calar a todo un país. Altri Non!”. A cantidade de xente presente en Compostela obrigou á organización a baleirar e encher o Obradoiro en dúas ocasións e o manifesto tivo que ser lido dúas veces, mentres o Obradoiro ateigado, parte da mobilización estaba aínda na Alameda na saída da marcha, unha hora despois do comezo da manifestación a Alameda seguía ateigada de xente cara ao Obradoiro. Trátase dunha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo Prestige.

Na Alameda, antes de comezar a marcha, Marta Gontá explicou que “estamos aquí para mandar unha mensaxe moi clara: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpe e auga limpa. E non é negociable”. A presidenta de Ulloa Viva dirixiuse directamente a “Altri, a Xunta e Greenalia” para dicirlles que “non hai trato, o noso legado e o futuro das nosas fillas non é negociable”.

O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, dixo na Alameda de Compostela, que “a Xunta de Galicia non ten o consenso social para impulsar e impoñer a celulosa de Altri”. Recalcou Rubido que “impoñer a celulosa de Altri é actuar contra o conxunto da sociedade galega”. Lembrou o presidente da PDRA que “a Xunta non está lexitimada para cambiar unilateralmente o modelo produtivo deste país e abandonar á súa sorte a miles de familias que viven do mar e o sector agrogandeiro e turístico”.

A convocatoria da manifestación levou hoxe a Santiago máis de 40 autobuses fretados pola veciñanza, concellos, asociacións e outros colectivos que levan meses apoiando esta loita veciñal. Todos os “grupos vivos” que levan case un ano traballando nos distintos concellos contra a macrocelulosa, asociacións, produtoras, colectivos ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos encheron Compostela dun “berro en defensa do noso territorio, do noso modelo de país, o noso pasado, presente e futuro”, con pancartas e mesmo un río Ulla cunha tea de 150 metros que levou a Santiago o impacto real desta macrocelulosa en todo o territorio “da Ulloa á Arousa”.

Manifesto no Obradoiro

Nunha praza do Obradoiro ateigada de xente, que se quedou pequena para que entraran todos os manifestantes que hoxe acudiron a Santiago, Leti da Taberna e Lois Pérez deron a benvida aos milleiros de persoas asistentes. No escenario -colocado na praza debaixo do despacho da Xunta de Galicia no Pazo de Raxoi- a mariscadora de Carril María Porto, a bateeira de Vilanova Marta Juncal, a bibliotecaria de Antas Teresa Batán e Ximena de Agolada, deron lectura ao manifesto.

Ao remate da lectura do manifesto comezou a música para celebrar de novo a unión e o apoio de todo o país, “da terra e do mar” xuntos contra a macrocelulosa. O Coro Encaixe e as Músicas da Ulloa encheron o Obradoiro de emocionantes argumentos cantados contra o proxecto.

PODES LER O MANIFESTO NESTA LIGAZÓN

Comunicado de Altri

Pola súa banda, a empresa portuguesa fixo un comunicado para poñer en valor o proxecto ante a marea de persoas contrarias á construción:

Lamentamos que unha parte da sociedade teña unha percepción negativa do proxecto GAMA. Trátase dun proxecto que foi deseñado cos máis altos criterios de sustentabilidade, circularidade e respecto ao medio ambiente, marcados pola normativa europea. Neste sentido, a Comisión Europea non rexistrou proba algunha de incumprimento da normativa aplicable ao proxecto, que á súa vez está aliñado co informe Draghi que aposta por impulsar a produtividade da industria e a competitividade das empresas europeas baixo o prisma da sustentabilidade, as tecnoloxías limpas e a descarbonización. Pola nosa banda, seguiremos explicando o proxecto a todas aquelas entidades e colectivos que desexen informarse como viñemos facendo ata o de agora.

0.17149090766907