Millopreciso, un proxecto que impulsa o cultivo rendible e sustentable do millo forraxeiro

LugoXa
A USC leva a cabo Millopreciso, un proxecto que impulsa o cultivo rendible e sustentable do millo forraxeiro
colleitamillo USC
16 Feb 2023

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC impulsa o cultivo rendible e sustentable de millo forraxeiro a través dun programa de agricultura de precisión, tal e como é o proxecto Millopreciso, unha iniciativa de I+D+i que conta con 180.000 euros de financiamento e está liderada por un grupo operativo no que participan investigadores do grupo Modelización, Enerxía e Mecanización en Biosistemas ( BioMODEN ), xunto coa empresa de servizos agrarios e forestais Marcos Otero, Ganadería Ladrela e Feuga.

O proxecto Millopreciso céntrase no desenvolvemento da agricultura de precisión en Galicia co cultivo do millo forraxeiro, a fin de favorecer unha utilización máis eficiente dos recursos que permitan mellorar a produtividade e, en consecuencia, a rendibilidade do cultivo, así como as prácticas sustentables, segundo indica o profesor Javier Bueno Lema.

Este investigador do grupo BioMODEM do Campus Terra da USC explicou que o principal obxectivo de Millopreciso pasa por desenvolver un proceso de elaboración de mapas de rendemento dos terreos que acheguen datos precisos da produción e permitan así optimizar a información e solventar os erros advertidos na información rexistrada polas colleitadoras autopropulsadas de forraxe. O posterior tratamento desta información, que daría pé a un mapa de rendemento das superficies agrarias, permitiría xerar un maior valor engadido a todo o proceso de produción, dado que sería posible optimizar as doses de sementeira, fertilizantes, herbicidas ou calquera outra tipo de insumo que fose necesario.

“Se coñecemos de antemán que unha determinada área dunha parcela é pouco produtiva, por mor das características da solo ou por calquera outra circunstancia, o lóxico é non malgastar nesta zona un exceso de semente ou doutros insumos, que si se poderían concentrar naquelas partes do terreo que presenta máis aptitudes para a produción e depara mellores colleitas”, relata Bueno, quen precisou que o proxecto Millopreciso contempla instalar nas colleitadoras sensores capaces de tomar datos referidos tanto ás características das propiedades do solo (nutrientes, humidade...), como respecto do volume da súas producións.

Á falta de pouco máis de sete meses para o remate das accións previstas no proxecto Millopreciso, agricultura de precisión con millo forraxeiro en Galicia, os socios implicados neste programa centran actualmente os traballos na instalación de sensores en dúas das colleitadoras da empresa Marcos Otero coa idea de poder estar o funcionamento destes dispositivos, que estarán conectados cos GPS das máquinas, na inminente campaña de ensilado de herba.

A optimización do proceso de toma de datos, a mellora da calidade da información rexistrada e o seu posterior tratamento e testaxe, a fin de facilitar o seu rápido manexo e disposición, centran os obxectivos deste programa cara a finais do verán, cando comezará a recollida de millo forraxeiro, dixo Javier Bueno. O investigador do grupo BioMODEM da USC comentou que esta datación das tarefas foi un dos temas de abordados durante a sesión de coordinación do programa celebrada na EPS de Enxeñaría, unha xuntanza na que participaron ademais de Javier Bueno, o propietario da firma Marcos Otero S.L, Francisco López, en representación de Ganadería Ladrela, e Ánxela Montero e Beatriz Moure, por parte de Feuga.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.10322904586792