Mini presenta en Outeiro de Rei o novo proxecto musical 'Catro nun zoco'

Xosé Luís Rivas Cruz, coñecido artisticamente como Mini, regresará aos escenarios este sábado, 15 de novembro, ás oito da tarde, na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei, cunha nova proposta musical titulada Catro nun zoco.
O cuarteto, creado en 2024, está integrado por Navia Rivas, Iria Rivas, Mariña Quintillán e o propio Mini, e ofrece un repertorio que combina canción de autor e temas tradicionais, cunha clara vocación de difundir a música de compromiso social e a identidade galega. Trátase, como sinalan os seus integrantes, dunha música que invita tanto a sentir como a reflexionar.
Mini, considerado unha das grandes voces da música galega, foi membro fundador dos históricos grupos Fuxan os Ventos e A Quenlla. Profesor, cantautor e musicólogo, o artista continúa agora a súa traxectoria creativa con Catro nun zoco, despois dunha intensa etapa de dedicación política como deputado do BNG no Parlamento de Galicia.