Mircromina Títeres actúa este sábado na Casa Museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Trátase dunha peza de monicreques, para público familiar, protagonizada polo Mariscal Pardo de Cela e Isabel de Castro
mircromina-titeres-manual-maria
19 Nov 2025

Mircromina Títeres, co actor e manipulador mindoniense Ton Arenas, leva este sábado ao escenario da Casa-Museo Manuel María a traxicomedia Pasmo de Pedra. Unha peza protagonizada polo Mariscal Pardo de Cela e Isabel de Castro e dirixida para o público infantil e familiar.

A sinopse da obra é a seguinte: Decorre o ano 1543 cando Isabel de Castro e Pardo de Cela, casados e residentes no castelo da Frouxeira, desfrutan dunha vida relaxada, chea de privilexios e distraccións. Mentres, na outra punta da comarca, o bispo de Mondoñedo leva tempo reclamándolles os seus dereitos, bens e propiedades. Canso de ser enganado pola parella, contrata o mercenario Mudarra para que lle faga o traballo suxo. A pregunta é: perderá Pardo de Cela a cabeza?

A representación, de aproximadamente corenta e cinco minutos, está programada para as 17 horas e é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Mircromina Títeres é unha compañía con foco no público infantil e familiar, que nace, en 2010, da man de Ton Arenas. Asentado no barrio dos Muíños, en Mondoñedo, desde alí elabora os seus espectáculos de titiriteiro como Vacacións no mar, A familia unida, Raio the loubicán... e constrúe artesanalmente os seus bonecos e espazos escénicos.

⚙ Configurar cookies
0.073575019836426