Miyu Shindo ofrecerá un recital de piano en Lugo o 8 de maio no Círculo das Artes

A prestixiosa pianista xaponesa Miyu Shindo, gañadora do 1º Premio no VII Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo (2023), ofrecerá un recital no Círculo das Artes de Lugo o xoves, 8 de maio, ás 20.00 horas.
O concerto forma parte da súa intensa xira internacional e será unha ocasión única para gozar do talento dunha das figuras emerxentes máis destacadas do panorama pianístico actual.
No programa, centrado exclusivamente na obra de Frédéric Chopin, Shindo interpretará unha coidada selección de pezas que amosan a riqueza expresiva e técnica do compositor polaco. O repertorio inclúe obras emblemáticas como o Nocturno en Re bemol maior, Op. 27 nº 2, a Balada en Fa menor, Op. 52, a Sonata nº 2 en Si bemol menor, Op. 35 e o Scherzo en Si bemol menor, Op. 31, entre outras.
Nacida en 2002 en Xapón, Miyu Shindo trasladouse aos 16 anos a Moscova para estudar con Valery Piassetsky na Escola Central de Música do Conservatorio de Moscova. Actualmente continúa a súa formación co recoñecido profesor Arie Vardi na Hochschule für Musik, Theater und Medien de Hannover (Alemaña).
Ao longo da súa carreira, foi finalista no Concurso Internacional Fryderyk Chopin de Varsovia e no Concurso Internacional de Música de Xenebra en 2022. Actuou como solista con destacadas orquestras de Xapón, China e Alemaña, e percorreu con recitais cidades como Nova York, Viena, Moscova ou Pequín. O seu palmarés inclúe numerosos premios internacionais, entre eles o Gran Premio no Concurso Internacional de Música de Osaka, o Primeiro Premio no Concurso Chopin de Asia, ou o Premio do Público no Kissinger Klavier Olymp.
O concerto no Círculo das Artes de Lugo promete ser unha experiencia musical de alto nivel, onde o virtuosismo e a sensibilidade de Miyu Shindo levarán ao público nun percorrido inesquecible polo universo sonoro de Chopin.