MJ Pérez, Antía Muíño e Belém Tajes actúan no festival lucense para homenaxear a Rosalía de Castro

LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha ampla programación cultural coincidindo co Dia de Rosalía de Castro, que se celebra o 23 de febreiro e no que este ano se celebra o 187 aniversario do nacemento da autora.
as_literatas_de_rosalia_de_castro
21 Feb 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha ampla programación cultural coincidindo co Dia de Rosalía de Castro, que se celebra o 23 de febreiro e no que este ano se celebra o 187 aniversario do nacemento da autora. A axenda de actividades na que conflúen a música, artes plásticas e a palabra ten como data central o venres co festival As literatas para Rosalía de Castro, con actuacións de MJ Pérez, Antía Muíño e Belém Tajes e un reparto de láminas conmemorativas nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo e continúa ao longo do ano coa realización de murais homenaxe á poeta nacional nunha decena de espazos públicos da provincia.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que un ano máis desde a área de Cultura promoven “unha ampla programación que convida a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como referente cultural e feminista” e destacou “a colaboración de distintas institucións, desde os museos provincias, ata a Universidade e os centros educativos nas actividades, que comezan o 23 pero que se prolongarán ao longo do ano, contribuíndo a socializar a figura de Rosalía de Castro”.

Festival para homenaxear a Rosalía

A creación e a produción musical galega e feminina protagonizan o cartel da xornada musical As literatas para Rosalía de Castro, referenciado no artigo Las literatas, publicado en Almanaque de Galicia no 1866  no que Rosalía de Castro denuncia os prexuízos sociais que dificultan que as mulleres se dediquen a tarefa literaria. Belém Tajes, Antía Muíño e MJ Pérez interpretarán as súas composicións a partir das 19.00 horas na Praza de Santa María – ou na Capela de Santa María, en caso de choiva-. As actuacións contan contan coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo

Música tradicional, jazz e canción de autor

Cantante, compositora e especialista en musicoterapia, Belém Tajes comezou tocando e cantando en agrupacións tradicionais e aprendendo tamén das cantigas das súas avoas. Estudou violoncello no Conservatorio da Coruña e tamén gaita, na Escola de Música de Oleiros e no Conservatorio de Carballo. Formouse en maxisterio musical e estivo dando clases a crianzas ata que, en 2017, comezou a traballar con Luar na Lubre na xira do 30 aniversario. Ten participado en varias formacións musicais como cantora e percusionista e representou a Galiza no proxecto Tosta Cultural Cargo, sobre linguas minorizadas do atlántico norte. Gracias a este proxecto estivo recollendo cantos tradicionais do oeste irlandés e, na actualidade, lidera un proxecto de seu, Vudú, galardoado cun Premio Martín Códax e cun Premio Opinión de Músicas de Raíz.

O jazz, a canción de autor ou a música tradicional galega son algúns dos xéneros nos que se pode escoitar a esta cantautora compostelá con sons esencialmente acústicos. Comezou na música co folclore tradicional para dar o salto anos máis tarde á guitarra clásica, estudándoa hasta facer o grao superior en Musikene, en San Sebastián. O traballo de Antía Muíño está moi ligado á poesía, á lírica tradicional, ao jazz libre e á sensualidade da bossa nova. En 2014 MJ Pérez arrancou o seu percorrido para converterse nunha das voces da música galega actual.

Conta con catro álbums e acumula máis de 150 concertos que lle permitiron desenvolver a súa faceta musical que, grazas á formación, conta cunha gran presenza do audiovisual nos seus traballos. Coincidindo co día de Rosalía xuntou a Rosalía de Castro e á cantante catalá Rosalía en Malaxente, un vídeo no que MJ canta fusionando o poema Castellanos de Castilla co tema Malamente.

Caraveis e láminas na Rede Museística

Durante toda a xornada e como xa vén sendo habitual, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán ás visitas un caravel e unha lámina conmemorativa cun deseño da ilustradora Sandra Lodi, acompañado dos versos do popular poema Alborada.  A ilustradora destacou que se trata dun deseño que “busca dar a imaxe de Rosalía como muller forte e ruda, quitando o romanticismo e demostrando como influíu nas mulleres galegas do rural e nas xeracións presentes e vindeiras, destacando o valor do seu traballo polo lingua e os dereitos das mulleres”.

Tamén o venres 23 de febreiro ás 19.00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá o Encontro de saberes arredor de Rosalía de Castro, no que a profesora honoraria da UDC e sociolingüísta Pilar García Negro e a profesora de Lingua e Literatura Galega da mesma universidade e especialista en literatura e xénero  Mª do Carme Fernández Pérez Sanjulián, especialistas en literatura e xénero, debaterán sobre a figura de Rosalía de Castro.

O diálogo artellarase a partir da proposta temática “Intrahistorias de A las orillas del Sar, El primer loco e o patrimonio documental e artístico do Pazo de Tor”, que relaciona o patrimonio e a historia do Pazo de Tor con temáticas presentes  na obra de Rosalía de Castro  como a loucura ou a defensa ecolóxica da carballeira de Conxo fronte a un poder foráneo. Co obxectivo de poñer en valor a obra e figura de Rosalía, ao longo do ano, a área de Cultura promoverá a realización de murais homenaxe en centros educativos e outros espazos públicos a cargo de muralistas e artistas de toda Galiza. En total, impulsaranse unha decena de intervencións artísticas, dando continuidade á iniciativa desenvolvida nos catros últimos anos, que plasmou a figura de Rosalía  de Castro en máis de medio cento de espazos públicos.

0.12916684150696