Mobilidade habilitará un servizo especial de bus urbano para participar na Feira de Nadela

A Feira de Entroido de Nadela, que se celebrará o vindeiro sábado 22 de febreiro, contará co apoio da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, que facilitará o acceso gratuíto ao evento e colaborará na súa difusión.
Co obxectivo de facilitar o desprazamento, a área de Mobilidade habilitará un servizo especial de bus urbano, que conectará o centro de Lugo con Nadela cunha frecuencia de 30 minutos.
O percorrido será circular, partindo desde Ramón Ferreiro (diante do Instituto Feminino) ata Nadela. O primeiro bus será ás 11.30 horas e o último bus pasará ás 16.15 horas.
Cristina López resaltou o valor cultural e económico das feiras tradicionais como a de Nadela, subliñando que este tipo de eventos "desempeñan un papel fundamental na preservación da cultura e do patrimonio, fomentando ao mesmo tempo o comercio local e a sostibilidade".
Ademais do mercado tradicional, a Feira de Entroido contará cunha exposición fotográfica sobre a súa historia, unha iniciativa da Tenencia de Alcaldía en colaboración coa veciñanza de Nadela. A mostra incluirá 40 imaxes históricas, datadas entre os anos 20 e 70, que serán expostas na carpa da feira.
A Feira de Entroido de Nadela ofrecerá aos visitantes unha ampla variedade de produtos típicos e a oportunidade de coñecer de preto as tradicións arraigadas na comarca, nunha xornada que promete combinar gastronomía, historia e celebración.