Modernízase o local social de Gontá, en Palas de Rei, con novas carpinterías e fachadas renovadas

A Xunta de Galicia colaborou no acondicionamento do local social de Gontá, en Palas de Rei, a través da orde anual de axudas destinada a apoiar a actividade das asociacións de veciños.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o inmoble para coñecer o resultado das obras, promovidas pola agrupación veciñal As Lamas de Gontá cunha achega autonómica de 12.000 euros.
A actuación centrouse na limpeza e pintado das fachadas, así como na substitución das carpinterías exteriores por unhas modernas de PVC que melloran a eficiencia enerxética e as condicións de illamento, cambiando tanto as vellas fiestras como a porta de acceso. En conxunto, acadouse unha notable mellora estética e funcional das instalacións.
Arias destacou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou este ano 653.200 euros para colaborar con 72 organizacións veciñais da provincia de Lugo a través deste programa. No municipio de Palas de Rei, tamén foi beneficiaria a agrupación de Santiago de Lestedo.
O obxectivo da iniciativa é financiar obras de acondicionamento, reforma ou ampliación dos locais das asociacións, así como adquirir material necesario para desenvolver as súas actividades.