Modifican o proxecto de Santo Domingo, en Lugo

LugoXa
Paula Alvarellos reuniuse co tecido asociativo interesado de forma directa no desenvolvemento do Proxecto Corazón Verde
santo_domingo
21 Xuño 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, reuniuse co tecido asociativo interesado de forma directa no desenvolvemento do Proxecto Corazón Verde para informarlles do avance dos traballos de peonalización do centro. Na xuntanza, á que se convocou aos representantes da asociación de veciños Centro de Lugo, da Federación de Comercio de Lugo e do colectivo Lugo Monumental, a rexedora avanzou cal é a idea na que se está traballando para o proxecto modificado da praza de Santo Domingo.

“Quixen comunicarvos aos principais colectivos que tedes un interese específico nestas obras e dunha maneira conxunta os detalles deste modificado para que teñades a información de primeira man e antes que ninguén, por deferencia pero tamén e, sobre todo, debido á cantidade de filtracións, sempre interesadas, que se trasladan á opinión pública”, comezou Alvarellos. Deste xeito, explicou que durante a redacción do proxecto fixéronse os cálculos a partir de documentación existente, sen poder realizar catas por non estar aínda en obra.

Púidose comprobar que o armado existente non é idéntico ao indicado no proxecto de construción do aparcadoiro subterráneo, onde figuraba que se establecía unha limitación de carga para a circulación do tráfico por encima del, non estando permitido o tránsito de vehículos con Masa Máxima Autorizada que superase as 7’5 toneladas. Logo, en fase de obra, os ensaios e as catas de armado e formigón que se realizaron en distintos puntos, concluíu que o recomendable sería deixar a vía por onde se atopa agora e non polo medio da praza.

Dese estudo dedúcese, ademais, que os vehículos que circulen non deben superar o 3.500 quilogramos. Esta circunstancia fixo necesaria a reorganización do vial que estaba previsto, así como dos diferentes servizos proxectados como a recollida de augas pluviais ou a iluminación. “Quixemos aproveitar ademais esta circunstancia para ter en conta as peticións que nos trasladábades, de maneira que desde o Concello fixemos un especial fincapé en conservar as zonas verdes e incrementar todo o posible o espazo axardinado”, sinalou a rexedora durante a reunión.

Máis verde

Deste xeito, non só se mantén toda a superficie de céspede que xa existe (685 m²), senón que aproveitou esta circunstancia para incrementala en 155 m² máis, de maneira que a Praza de Santo Domingo dispoñerá de 840 m² de zonas verdes, onde, se conservarán todas as árbores de gran porte existentes. En canto á súa configuración, tanto nesa zona verde inicial como na nova actuarase para crear un xardín con céspede e flores elevado axardinado que conecte de maneira máis óptima co resto de elementos da obra ao redor. “Un dos obxectivos é conseguir unha maior harmonización e inclusión aplicando ao urbanismo criterios de perspectiva de xénero que contribúan a eliminar zonas escuras, mellorando non só a accesibilidade senón tamén a seguridade dos espazos públicos”, relatou Alvarellos Fondo.

Búscase unha maior conectividade entre as distintas partes da praza, “abrindo camiños ou cruces que permitirán camiñar por ela e quedar a descansar, pero tamén que faciliten saír da mesma por diferentes puntos sen ter que percorrela ou atravesala enteira”, apuntou a alcaldesa. Para conseguir este efecto, os camelios, que se manterán, serán podados coidadosamente, para convertelos en árbores xa que agora mesmo, como arbustos, constitúen unha pantalla que divide a praza en dúas áreas e xera espazos de sombra, inseguros ou que predisponen a condutas pouco apropiadas. Só retirarase un, que xa está seco, aproveitando o espazo que ocupa para crear unha zona de paso cara á liña de edificacións.

En canto á parte superior da praza, durante esas tarefas de estudo, leváronse a cabo diferentes catas para descubrir o perímetro e forxado no espazo onde se atopa a entrada ao aparcamento subterráneo e observouse que a súa configuración non permite a instalación de alcorques sobre o mesmo ao non dispoñer de espazo suficiente para o enraizado de árbores, coa posibilidade de danar tamén a impermeabilización do aparcamento. “Isto non impide que, neste punto da praza, poida crearse igualmente unha zona de céspede que poderá conter outras plantas ornamentais con menores necesidades de enraizamento”, explicou a alcaldesa, quen durante o transcurso do encontro tomou nota das achegas dos representantes veciñais.

Un quiosco

En canto á reordenación da vía, esta conleva unha modificación na aliñación das baldosas. Para iso cámbiase as medidas da pedra en diferentes zonas para  así seguir conservando unha óptima funcionalidade e estética da praza. A circulación neste ámbito será de dobre dirección en rúa do Teatro, que será de entrada para o uso de aparcadoiro e residentes e de saída para o resto de usos que accederán á praza de Santo Domingo pola rúa Montevideo e Quiroga Ballesteros.

Alvarellos Fondo explicou tamén que durante o transcurso da obra, observouse a necesidade de realizar un recrecido dos muros do aparcadoiro para incrementar a altura actual e así alcanzar a cota adecuada e que o Concello procederá a chapear  coa mesma pedra de granito a plataforma do Bimilenario, mellorando así a súa protección, xa que se creará duna zona axardinada aos pés do monumento cuxa extensión, neste caso, non varía á xa contemplada no proxecto.

Por último, informou os representantes veciñais de que a praza contará cun quiosco que irá situado onde estaba orixinalmente o anterior e que xa conta coas acometidas necesarias e, tamén, como se comprometeu o Goberno local, manterase a fonte. “Estes son a grandes liñas as características do modificado no que se está traballando e que, ata que non estea totalmente definido non se poderá determinar con rigor se implica un incremento ou unha diminución dos custos con respecto ao proxecto inicial”, concluíu Alvarellos.

O PP denuncia improvisación

Pola súa parte, os populares ven na modificación do proxecto de Santo Domingo “un exemplo de improvisación e un despropósito”. O PP di que mentres Arroxo pon a rúa Quiroga Ballesteros de exemplo de peonalización a alcaldesa deriva a circulación por ela. Ramón Cabarcos advirte que “os sobrecustes e os retrasos das obras os pagaremos os lucenses” indicando que “cando o tenente de alcaldesa dixo que ían aumentar os impostos xa sabía que non era para darnos máis servizos á cidadanía senón para pagar os seus erros e a falta de planificación en proxectos como o da peonalización do casco histórico”.

Ramón Cabarcos explica que outro aspecto sobre a falta de planificación ten que ver cos materiais que usan aclarando que “eliminaron e substituíron un groso firme de formigón por un estreito firme de granito que limita o futuro do tránsito rodado” afondando con que “a debilidade dos firmes executados constitúen unha grande dificultade para xestionar percorridos racionais e optimizados (e mesmo flexibles”. Por último, o popular Ramón Carbarcos lembra que “a habitabilidade e a economía deste barrio depende de que non se baleire de actividade e aos residentes e aos negocios que hai dentro de Murallas o Goberno local non lle está a por as cousas doadas”.

 

0.19229197502136