Moi boa asistencia malia o vento racheado no XV Aberto do Galo de Ribadeo
Por Asociación O varal. Daniel Rodrìguez Saavedra.
Disputouse no campo de fútbol da Faxarda o XV Aberto do Galo, correspondente a sexta xornada da LNB da conferencia NorLeste da tempada 2022/2023.
Moi boa asistencia nun día no que o vento racheado foi protagonista indesexado e molesto que xogou cas billardas ao seu antoxo e puxo en apuros os palanadores que se deron cita ( 54 homes, 13 donas e 5 cativos).
Xa que logo, as puntuacións foron en xeral cativeiras e por baixo dos vinte puntos agas os catro que acadaron as finais.
Charli, o zurdo de ouro dos Carabullo, sigue na súa liga particular poñendo terra por medio cos seus perseguidores, ainda que hoxe atopouse ca volta a competición do musical billardeiro, o tricampion nacional Markytos, que lle plantou cara igualándolo a puntos e foi quen de gañarlle nun reñido desempate polo primeiro posto.
Con un punto menos, Manu Caldeiro e David Navallo loitaron polo terceiro chanzo do podio que acadou o dos troitas.
En donas, Geni e Irea coparon o primeiro posto compartido e Aroa e Cris pola sua parte compartiron o segundo.
En infantis, Mateu e Diego cos mismos puntos foron superados por Alba que tivo un moi bo día e tomou o relevo da súa compañeira Antía.
Manu Caldeiro, no primeiro golpe da súa quenda, zoupoulle a billarda con tal forza que a mandou polo medio do varal, acadando un soberbio varado.
Por equipos, Troitas Bravas, acadaron por terceira volta consecutiva o primeiro posto e tamén se destacan como dominadores da xeral. Carabullo foi segundo e Chainzos-Cadaval terceiros.
Rematamos a xornada ca entrega duns lotes de productos de Nadal para os campións e chuches para os cativos.
A liga regular retómase o dia 8 de xaneiro co I Aberto da Irmandade no pintoresco e veciño Castropol, Asturias.
As clasificacións logo desta xornada quedan deste xeito:
Individual:
- Charli (Carabulllo) 119 p.
- David Navallo (Troitas Bravas) 111 p.
- Manu Caldeiro (Billarda Verde) 108 p.
- Regueiro (Troitas Bravas) 108 p.
- Daniel (Billardeiros Musicais) 106 p.
Donas:
- Aroa (Billardeiros Musicais) 88 p.
- Geni (Billardeiros Musicais) 75 p.
- Irea (Carabullo) 64 p.
Equipos:
- Troitas Bravas (A Pontenova) 460 p.
- Carabullo (Ponte de Outeiro) 447 p.
- Billardeiros Musicais (Ribadeo) 433 p.