Montecubeiro acolleu unha homenaxe ás vítimas do fascismo e aos que loitaron por manter viva a memoria
San Cibrao, en Montecubeiro, acolleu unha homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O acto celebrouse a carón do monolito na memoria das persoas asasinadas polo fascismo nesa parroquia de Castroverde, coincidindo co vinte aniversario da instalación do monumento e contou coas intervencións do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro Polos fillos dos fillos sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo e de Ricardo Gómez Polín, cronista de Castroverde
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Memoria Histórica Efrén Castro encadrou a homenaxe dentro dos actos que se celebran no país ao redor do Día da Galiza Mártir -17 de agosto, data na que foi asasinado Alexandre Bóveda-, reclamando unha vez máis a institucionalización desta data. Fixo fincapé na necesidade de “situar aos verdugos no lugar histórico que lles corresponde, lonxe do relato da equidistancia que trata de impoñer a ultradereita na actualidade”.
“Ante unha historia contada durante moitos anos polos vencedores temos a obriga de retirar todas as honras que se lle outorgaron aos asasinos e mostralos ao mundo como o que foron: defensores dunha ditadura fascista que ensanguentou a nosas cunetas e asasinou as persoas que quixeron acender un facho na noite escura”, dixo Efrén Castro, quen defendeu que “son as persoas que hoxe homenaxeamos as que deben estar presente nos nosos rueiros e as que deben ter estatuas e as honras máis elevadas das administración pública, porque grazas a que todas esas persoas deron a súa vida por defender a democracia e a liberdade”
A deputada de Cultura Iria Castro puxo en valor a loita pola memoria das persoas que impulsaron a instalación do monolito de Montecubeiro en 2003, nomeadamente da familia Sarille, e das persoas e colectivos que nestes anos contribuíron a “termos presente a memoria das persoas asasinadas, para crear conciencia e facer xustiza”, lembrando o acto organizado en 2013 pola Iniciativa Galega pola Memoria ou en 2017, coincidindo cos 80 anos dos asasinatos en Montecubeiro, por A Chave das Noces. “
“As asociacións culturais vertebran e arman a sociedade con ideas, con cultura, con futuro. Iso é o que nos fai verdadeiramente libres e iso foi o que intentaron eliminar con aqueles asasinatos, pero a chama quedou prendida”, sinalou a responsable de Cultura, tamén concelleira en Castroverde.
O historiador e escritor Xosé Manuel Sarille repasou na súa intervención a orixe da súa novela Polos fillos dos fillos sobre o acontecido en Montecubeiro en 1937, a partir do testemuño e dos datos recollidos por seu pai, Manuel Sarille, vítima da represión, quen traballou co “afán” de contar e facer público o que vivira desde finais dos anos oitenta, cando, explicou “a Memoria Histórica non cristalizara como movemento colectivo nin se non se convertera tampouco en demanda colectiva”.
Coa publicación do libro e o monolito, “coñeceuse e recoñeceuse o acto de barbarie, pero fican amplos sectores que non están dispostos a ese recoñecemento, nin por suposto a pasar polo corazón. E isto é un fracaso da sociedade enteira”, explicou, para concluír sinalando que “cómpre lembrar intensamente, rememorar, dignificar os esquecidos, pasar o espanto oculto pola luz social e pola consciencia colectiva. Buscar os restos dos asasinados, cartografar a foxas comúns e os lugares onde se produciron as matanzas, lembrar deixando constancia sobre o terreo, revisar os procesos e a interpretacións, enterralos dignamente, contar todo iso e afirmar que é preciso que todos os mortos deben ter descanso en lugar sabido, que é unha necesidade dos vivos, dos descendentes e de toda a sociedade para que haxa saúde colectiva”-
Tamén interviu no acto o cronista oficial de Castroverde Ricardo Gómez Polín quen reclamou “a exhumación inmediata dos dous soldados republicanos procedentes da Fronte de Asturias fusilados polos falanxistas na parroquia de Pena, aos que se lles impediu seren enterrados no cemiterio e cuxa fosa común foi obrigado a cavar o meu avó Antonio Polín, con presenza atemorizada da miña mai aínda moza”, e que figuran como “Dous descoñecidos” .
Así mesmo, fixo fincapé “na necesidade de incorporar o coñecemento rigoroso do acontecido aos planos educativos como premisa para unha sociedade libre, así como da asunción de responsabilidades de quen provocou unha guerra fratricida, con recoñecemento público á actitude solidaria da poboación que apoiou e asistiu aos represaliados con risco para as súas vidas”.
O acto completouse coa actuación da cantautora folk Paloma Suanzes, quen musicou o poema de Claudio Rodríguez Fer “As tres mapoulas de Montecubeiro” para o proxecto Mulleres na Memoria promovido pola área de Cultura da USC e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Ademais dos mencionados dous soldados republicanos da Fronte de Asturias, o monolito de Montecubeiro, obra do escultor Manuel Mallo, lembra a Manuel López López, Virginia Meilán Varela, Antonio Pereira Calderón, Manuel Graña Rico, José Blanco García, José Veiga López, José Palmeiro Valcárcel, Carmen Sarille Lenceiro, Manuela Graña Rico, Argimiro Rico Trabada, Domingo Fernández Díaz, José Garña Rico e José Freire Millares, asasinados polos fascimo en 1937.