Montecubeiros acolle un acto de homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo
Montecubeiro acollerá unha homenaxe as persoas represaliadas polo franquismo o vindeiro 16 de agosto, ás 20.00 horas, a carón do monolito que lembra o acontecido nesta parroquia de Castroverde en 1930.
O acto, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo contará coas intervencións do historiador e escritor Xosé Manuel Sarille, autor do libro Polos fillos dos fillos (Candeia Editora, 2003), sobre a matanza de Montecubeiro, e familiar de vítimas do franquismo e Ricardo Polín, cronista de Castroverde, e coa actuación da cantautora folk Paloma Suanzes, quen musicou o poema de Claudio Rodríguez Fer As tres mapoulas de Montecubeiro para o proxecto Mulleres na Memoria promovido pola área de Cultura da USC e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza e participa desde 2019 en actos de homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo na contorna do Día da Galiza Mártir, a fin de apoiar a institucionalización desta data – 17 de agosto, na que foi executado Alexandre Bóveda – e de subliñar o dereito á verdade, xustiza e reparación as vítimas do franquismo.
O lugar elixido este ano, o monolito de Montecubeiro, pretende servir tamén de recordatorio do vinte aniversario da instalación do monumento e de recoñecemento ao traballo a favor da memoria do seu impulsor, Manuel Sarille.